Candieira e GALP Ría de Pontevedra organizan un taller para favorecer o emprendemento das mulleres do mar
Por Oskar Viéitez
Sanxenxo acolle este luns un taller de ideas organizado pola rede de apoio e promoción das mulleres do mar "Candieira" en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais e coordinado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra.
No encontro participan máis de 20 mulleres do sector marítimo da zona e emprendedoras, que atenderon ás presentacións das iniciativas "inspiradoras" de Eva e Maica Lojo, de Conservas Sotavento; Marta Iglesias, de Piragüilla; e Rosa Rodríguez, presidenta da Asociación de Redeiras Illa de Estrela de Corme. Silvia Freire, concelleira de Servizos Sociais do Concello de Sanxenxo, tamén estivo presente non taller.
A entidade "Candieira" tenta favorecer o emprendemento e o asociacionismo das mulleres no mar. Con este propósito veñen organizando unhas sesións de traballo encamiñadas a xerar ideas innovadoras en diferentes localizacións autonómicas.
A diversidade de perfís das asistentes aos talleres é a clave para o seu desenvolvemento e preténdese que nestes encontros estean representadas as mulleres do mar de todos os sectores, mariscadoras, rederas, armadoras, biólogas, do sector da consultoría, da investigación, do turismo, dos deportes náuticos, mulleres de mariñeiros, e asociacións de mulleres, pero tamén persoal municipal dos departamentos de igualdade e de emprego. En xeral, mulleres con ideas de emprendemento.
Relacionadas:
-
Tres proxectos do GALP Ría de Pontevedra entre os finalistas aos premios Economía Azul
Por Redacción |
-
Sanxenxo intensificará a educación en igualdade entre os máis novos
Por Oskar Viéitez |
-
Rosa Quintana enxalza o labor da Asociación de mulleres do Mar de Arousa a prol da igualdade de oportunidades
Por Redacción |
-
A conselleira do Mar entrega os distintivos pescadoartesanal.com á hostalería
Por Redacción |