Acusan un veciño de Caldas de Reis dun roubo e unha agresión sexual na mesma noite
Por Redacción
A Garda Civil e a Policía Local de Caldas de Reis detiveron na madrugada do mércores ao xoves a un veciño desta localidade como suposto autor dun delito de roubo con intimidación e outro de agresión sexual que presuntamente cometeu con apenas dúas horas de diferenza e que tiveron como vítimas a dous mozos da localidade.
O detido, V.M.F.F., de 32 anos de idade e veciño da parroquia de Saiar, pasou a disposición do Xulgado de Caldas de Reis unha vez que declararon ante o xuíz de garda as súas dúas supostas vítimas. Non transcendeu se quedou en liberdade ou se decretou o seu ingreso en prisión.
O primeiro dos feitos que se lle imputan produciuse supostamente a primeira hora da madrugada na rúa Porto do Río, no centro de Caldas. Segundo denunciou a presunta vítima, o detido abordouna no seu domicilio e empregou un coitelo para obrigala a subir ao seu coche, ameazándoa con que a violaría e mataría se se resistía a obedecelo.
A continuación, obrigouna a acudir a un caixeiro e retirar 200 euros. Despois de arrebatarllos, abandonou o lugar nun vehículo. A suposta vítima desprazouse ao cuartel da Garda Civil e achegou datos do acusado e do coche no que fuxiu, de forma que os axentes da Garda Civil e a Policía Local iniciaron a busca do presunto ladrón.
Unha muller semiespida pediu auxilio á Policía en Veigas de Almorzar
Unha hora e media máis tarde, mentres unha patrulla da Policía Local peiteaba os arredores de Caldas para intentar localizalo, cruzouse na zona industrial de Veigas de Almorzar cunha muller semiespida que pedía axuda. Os axentes atenderon á súa solicitude e ela exprícoulles que acababa de ser vítima dunha agresión sexual.
Segundo relatou a vítima, o agresor contratou os seus servizos sexuais e trasladouna a Veigas de Almorzar. Unha vez no lugar, empezaron a manter relacións, pero o home supostamente agrediuna, así que a muller quixo poñer fin ao encontro. Aí desencadeouse un forcexo e el acabou forzándoa a realizar accións que ela non quería. Finalmente, logrou liberarse e pedir auxilio, momento no que se cruzou coa Policía.
A tan só uns metros de distancia, localizaron o suposto agresor. A súa descrición física e os datos do seu vehículo coincidían cos achegados coa primeira denunciante, de forma que os axentes procederon á súa detención como suposto autor dos dous delitos.