As obras no último treito da Avenida de Vigo estarán concluídas en outubro
Por Alejandro Espiño
A reurbanización do último tramo da avenida de Vigo, entre a rúa Luís Seoane e o entroncamento coa rotonda do Nó do Pino, van "en prazo", segundo destacou este luns o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Os traballos estarán concluídos a finais do próximo mes de novembro.
Fernández Lores comprobou que as obras están "moi avanzadas" e permitirán incorporar todo este ámbito ás zonas da cidade que teñen "estándares de calidade urbana", coa mellora de espazos peonís, a eliminación de barreiras arquitectónicas e unha mellor mobilidade.
A rúa manterá un carril de circulación en sentido saída da cidade.
"Estamos moi satisfeitos co resultado", engadiu o alcalde, ao comprobar que a marxe esquerda da rúa xa está completada.
COVSA é a empresa que está a executar estes traballos, que contan cun orzamento de case 237.000 euros e que, esteticamente, dan continuidade ao resto da Avenida de Vigo.
A obra contempla ademais estacionamento en liña en ambos os lados da rúa, beirarrúas dun mínimo de tres metros e completar a iluminación que falta, ademais de reconstruír a rede de sumidoiros.