As obras volven á avenida de Vigo para completar a súa reforma urbana ata O Pino
Por Alejandro Espiño
O Concello completará a reforma urbana da avenida de Vigo. O goberno municipal aprobará o vindeiro luns o expediente para sacar a licitación o acondicionamento do tramo situado entre Luís Seoane e a rúa do Pino, nas inmediacións do hipermercado Lidl. Esta actuación está orzada en 274.895 euros.
O ámbito de actuación son, aproximadamente, uns 300 metros de rúa e as obras terán un prazo de execución de catro meses.
O portavoz do goberno, Raimundo González, explicou que esta zona recibirá o mesmo tratamento que o tramo anterior, o que inicia na rotonda con Fernández Ladreda.
Así, habilitaranse beirarrúas dun mínimo de tres metros de ancho, manterase un único carril de circulación e haberá estacionamento en liña a ambos os dous lados da rúa. Ademais, na marxe dereita colocaranse árbores, seguindo o modelo do resto da avenida de Vigo.
Tamén haberá cambios na iluminación pública, xa que xunto co obrigado retranqueo polo maior ancho das beirarrúas, repoñeranse os catro puntos de luz que faltan. Unha mellor drenaxe da rúa completará esta actuación.
O Concello lembra que estas obras foron acordadas cos veciños da zona e forman parte do obxectivo de trasladar os estándares de calidade urbana do centro da cidade aos barrios máis periféricos e ás parroquias do municipio.
Relacionadas:
-
As obras no último treito da Avenida de Vigo estarán concluídas en outubro
Por Alejandro Espiño |
-
Os traballos de reurbanización do último treito da avenida de Vigo comezan este mércores
Por Redacción |
-
A Xunta de Goberno aproba máis de 600.000 euros para proxectos de accesibilidade e seguridade viaria
Por Redacción |
-
Proxectan a reforma da zona verde entre a rúa da Estación e Josefina Arruti
Por Redacción |
-
Unha avenida para "unha muller valente, unha nai coraxe"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |