A Feira da Cebola de Sanxenxo vén precedida por un showcooking
Por Redacción
Sanxenxo celebrará o luns o día da patroa, Santa Rosalía, con diversas actividades dentro dun programa de actos relixiosos e festivos que xiran principalmente ao redor da Feira da Cebola, que chega ao seu trixésimo quinta edición.
Unha vez máis se entregarán as "Cebolas de ouro" e os premios á cebola máis pesadas, á ristra máis longa e á figura máis artística dentro dunha xornada onde se exhibirán verduras e hortalizas cultivadas no municipio.
A gran novidade desta edición é o showcooking durante o domingo, xornada previa á feira, coa intervención do cociñeiro Fran Lorenzo na praza de Pascual Veiga. Preparará diferentes pratos coa planta herbácea como principal protagonista.
Desta forma será posible comprobar como se elabora cebola en tempura, encurtida, escabechada, bocadillo de vieira con puré de cebola, mini hamburguesa de xurelo e mexillón e de rape con gambón vermello. Os asistentes poderán ver os detalles dos preparados a través dunha pantalla.
Ao longo do luns 4, os actos comezarán ás 10.00 horas cun pasarrúas e alborada a cargo da Banda de Música de Sanxenxo e da Asociación Folclórica Abiñadoira. E a esa mesma hora abriranse os 60 postos instalados no recinto portuario que contarán coa visita do alcalde e de diversos membros da corporación municipal. Ás 13.00 horas entregaranse os premios das Cebolas de Ouro. Renderase homenaxe a Eduardo Figueroa, traballador do Concello durante 24 anos e a Carlos Yedra, médico que leva 61 anos veraneando en Sanxenxo.
Ás 13.30 horas, a Banda de Música ofrecerá un concerto na praza de Pascual Veiga. Pola tarde volverá actuar ás 21.00 horas no mesmo espazo para dar paso á procesión nocturna que recolle a imaxe da Virxe do Carme. Os actos concluirán cunha verbena a partir das 22.30 horas.