Sae a licitación a reforma das pistas de atletismo de Marín por preto de 375.000 euros
Por Redacción
O convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Marín para afrontar as obras para a reforma das pistas de atletismo do estadio municipal de San Pedro xa deu o seu primeiro froito coa publicación este luns no DOG da licitación do proxecto para acometer estes traballos.
O proxecto contempla a instalación dun novo pavimento deportivo para a práctica do atletismo coa execución dunha zona de adestramento para porteiros. Segundo indica o goberno local de Marín, nestes momentos as pistas atópanse en moi mal estado xa que o pavimento se atopa parcialmente levantado nun estado de abandono.
O complexo contaba con seis pistas de atletismo cunha corda de 400 metros, dúas pistas de salto de lonxitude e triplo salto, salto de pértega e ría para as carreiras de obstáculos. Toda esta infraestrutura atopábase en mal estado, polo que se replantará o trazado da pista para adaptalo ás esixencias da Federación fixando os radios de curvatura.
O novo trazado deixará unha marxe de polo menos un metro con calquera obstáculo e, por este motivo, retiraranse as varandas perimetrales e catro aspersores. Dous serán substituídos por emerxentes e outros dous serán desprazados.
A instalación completarase cunha recta de seis rúas con 110 metros de lonxitude xunto á bancada. Retiraranse os bancos de fútbol que actualmente se sitúan no medio da pista de salto de lonxitude. O salto de altura e o salto de pértega situaranse na media lúa norte e contarán cun pavimento continuo de nova planta. O salto de pértega dispoñerá dunha pista de 45 metros de lonxitude e estará dotado dun caxetín no chan. Pola súa banda, o salto de altura contará con 16 metros de lado e 25 metros de fondo libre de obstáculos.
Ademais na media lúa sur do estadio instalarase unha pista de adestramento de porteiros eliminado todo o pavimento actual.
O prazo de execución das obras será de tres meses e o orzamento total sitúase en 374.733 euros. As ofertas poden presentarse desde este luns 28 ata o 4 de outubro.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Unha estrea de altura para as novas pistas de atletismo de San Pedro
Por Diego Espiño |
-
O Bloque pregunta polo retraso nas obras da pista de atletismo de San Pedro
Por Oskar Viéitez |
-
En marcha a reforma das pistas de atletismo de San Pedro
Por Redacción |
-
Marín termina o proxecto de reforma das pistas de atletismo e avanza nun convenio para financialo
Por Redacción |