Este próximo setembro comezan as obras de humanización urbana en Tenorio
Por Redacción
O próximo once de setembro está previsto o comezo das obras de humanización urbana en Tenorio, concretamente no acceso á igrexa parroquial de San Pedro. A data acordouse cos veciños, de forma que se iniciarán unha vez pasadas as festas da parroquia e prolongaranse durante un mes. A actuación contempla obras de pavimentación e creación de beirarrúas no acceso á igrexa e a súa contorna.
O Concello de Cerdedo-Cotobade última os trámites administrativos desta obra que sufraga o Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente e que se licitou en 66.500 euros. A esta cifra engádese a dotación económica prevista para a praza do Concello de Cerdedo, 182.000 euros, de forma que este departamento da Xunta destina a Cerdedo-Cotobade con estas obras máis de 260.000 euros.
Ao respecto da segunda obra, ata o 4 de setembro está aberta a recepción de ofertas para a ampliación e mellora de espazos na praza do Concello de Cerdedo. Prevese que este proxecto comece a executarse neste mesmo ano.
Non serán estas dúas as únicas melloras de infraestruturas que se desenvolvan nos próximos meses, xa que se acaba de adxudicar a mellora de camiños en Famelga, Pazos de Borela, Valongo e Vilanova de Tenorio; todas elas en Cotobade.