Denuncia que a Xunta lle impide quedar coa antiga sede da Cámara Agraria malia ter gañado a propiedade nunha poxa pública
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Santiago Montejo Urioste é un empresario madrileño que leva case unha década vivindo en Galicia. Considérase un namorado de Pontevedra e dentro das súas querenzas o Pazo de San Román, a antiga sede da Cámara Agraria, na Praza do Teucro, pareceulle un espazo perfecto para desenvolver un proxecto empresarial innovador dentro da cidade.
En abril de 2016, na cuarta convocatoria, Santiago Montejo á fronte da sociedade Mercant Lupond gañaba a poxa pública que a Xunta de Galicia puxera en marcha para vender o inmoble que ocupaba a Cámara Agraria. A poxa alcanzou a cifra de 620.000 euros, ofrecida por este empresario, que tamén xestiona unha empresa con actividade no Porto de Marín. Pasaron xa 15 meses desde entón e a propiedade do Pazo de San Román segue sen facerse efectiva a pesar de que se cumpriron todos os requirimentos.
O arrendatario, que ten un restaurante en funcionamento no baixo do edificio e que poxou tamén na almoeda a través dunha sociedade que non alcanzou a cantidade do gañador, presentou unha reclamación e a Xunta de Galicia decidiu, en novembro de 2016, darlle a razón alegando que contaba cun contrato de arrendamento anterior e esa circunstancia outorgáballe un dereito de compra preferente.
Ante esta decisión, Montejo Urioste presentou un contencioso e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia inhibiuse trasladando o tema á xurisdición civil. Agora o gañador da poxa atópase nunha situación de impotencia absoluta pero anuncia que chegará ata o final para pelexar polos seus dereitos. "É David contra Goliat, pero irei ata o final. Levamos 15 meses e non sei o que tardaremos", afirma Montejo.
O empresario madrileño indica que mesmo tentou chegar a un acordo cos inquilinos a través da mediación da Xunta cunha división do edificio para que os arrendatarios dispuxesen do local comercial e Montejo da planta de arriba e do baixo cuberta. "Esa proposta nunca foi contestada", indica o afectado.
"INCRIBLE" ACTUACIÓN DA XUNTA
O seu principal temor é que no momento en que se atopa o caso, o inquilino e a Xunta tenten escriturar ou realizar algún tipo de operación en contra dos seus dereitos como gañador da propiedade nun proceso público. "O que me sorprende é que cambien o resultado dunha poxa pública", laméntase Santiago Montejo, atónito polas formas de proceder da administración autonómica. Afirma que, ademais, lle parece incrible que a Xunta de Galicia permita a actividade do restaurante que ocupa o baixo ao atoparse nunha situación "en precario, cun contrato vencido desde xuño de 2016".
"Paréceme a maior frustración do mundo, depositar 116.000 euros e non poder desenvolver o meu proxecto empresarial e que a administración organizase un proceso e agora se dedique a prexulgar"
Sinala que el acudira á poxa porque lle parecía un procedemento transparente dun ben público desafectado, que era propiedade da Xunta e que ademais non contaba con cargas de ningún tipo. Con todo, admite que aquel día xa lle pareceu que algo raro estaba a pasar porque tentaron impedirlle a entrada e un dos representantes da outra sociedade que poxaba chegou a dicirlle "que viñera a roubarlle o seu".
"O único ao que vés é a regalar diñeiro á Xunta porque o local xa mo adxudicaron", lembra Montejo que lle dixeran naquela cuarta poxa. Aquel presaxio cumpriuse. O gañador da poxa deixou en depósito 116.000 euros, o 20% da operación, e agora vese como único prexudicado de toda esta trama ao non poder dispoñer dun "ben gañado lícitamente".
"Paréceme a maior frustración do mundo, depositar 116.000 euros e non poder desenvolver o meu proxecto empresarial, que a administración organizase un proceso e agora se dedique a prexulgar", manifesta con pesar Montejo, que solicitou ao xulgado medidas cautelares para tentar evitar cambios en relación coa situación xurídica do inmoble.
O empresario afectado afirma que anteriormente nunca tivera ningún conflito coa administración pública e por ese motivo pregúntase permanentemente cal foi o seu delito para estar a atravesar este calvario: "Presentarme a unha poxa pública e gañala? Ninguén me deu unha argumentación en contra. Non se pode tolerar e vou pelexar os meus dereitos ata onde teña que ir", conclúe.