A Cámara Agraria, vendida por 620.000 euros
Por Redacción
Tras varios intentos infrutuosos, a Xunta de Galicia por fin logrou vender o Pazo de San Román, sede da antiga Cámara Agraria. Nunha nova poxa, a cuarta que se realizaba sobre este inmoble nos últimos anos, un interesado fíxose coa propiedade despois de abonar 620.000 euros.
Segundo informa Serafín Alonso en Diario de Pontevedra, o comprador é Santiago Montejo, director xeral de Marfrío. A súa intención é rehabilitalo interiormente e convertelo na sede dun novo proxecto empresarial na cidade.
Nesta última poxa, o Pazo de San Román saía cun prezo mínimo de 580.000 euros, que o empresario elevou en 40.000 euros ata o prezo final de adxudicación.
Inicialmente, a Xunta taxou o inmoble en 850.350 euros, prezo co que se ofertou por primeira vez, alá por marzo de 2013. Ao non haber interesados entón, o goberno galego foi baixando a cantidade mínima solicitada ata que por fin logrou desprenderse del.
O edificio, situado na Praza do Teucro esquina coa rúa Real, conta con semisoto, baixo e un piso duns 276 metros cadrados segundo o Rexistro da Propiedade e duns 496 metros cadrados segundo os datos da Dirección Xeral do Catastro.
Desde xuño do ano 2004 ten vixente un contrato de arrendamento, modificado en marzo de 2005, e que vence o 18 de xullo de 2016, que permitiu instalar no seu baixo o restaurante La Cámara.
O histórico pazo, que data do século XVIII, foi a sede da Cámara Agraria de Pontevedra desde 1979, ano no que o inmoble, coñecido como pazo de San Román, foi rehabilitado, ata 2007.
Foi entón cando a Xunta decidiu liquidar estes entes provinciais. Tras o seu peche, baralláronse diferentes usos, entre eles, un arquivo provincial sobre o movemento agrario e gandeiro. Pero finalmente optou por sacala a poxa do mesmo xeito que as demais sedes provinciais.
Relacionadas:
-
Denuncia que a Xunta lle impide quedar coa antiga sede da Cámara Agraria malia ter gañado a propiedade nunha poxa pública
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A Cámara Agraria por fin ten dono: o propietario do restaurante queda con todo o pazo
Por Alejandro Espiño |
-
Queda baleira a cuarta poxa polo edificio da Cámara Agraria
Por Redacción |
-
A antiga Cámara Agraria, agora por 704.000 euros
Por Redacción |
-
Ninguén quere unha casa na praza do Teucro?
Por Redacción |