A Cámara Agraria por fin ten dono: o propietario do restaurante queda con todo o pazo
Por Alejandro Espiño
Sete meses despois de saír a poxa e atopar comprador, por fin a antiga Cámara Agraria de Pontevedra xa ten, oficialmente, propietario. Pero non, non é a persoa que gañou aquela poxa, que tivo lugar o 15 de abril, senón o dono do restaurante La Cámara, situado no baixo do inmoble. Tras unha serie de reclamacións, a Xunta fallou ao seu favor.
O empresario Santiago Montejo, director xeral da empresa Marfrío, impúxose naquela poxa ao ofrecer 620.000 euros polo coñecido como Pazo de San Román. O seu obxectivo era situar neste edificio a sede social dunha das súas compañías e impulsar un novo proxecto empresarial, pero topouse con máis inconvenientes dos previstos.
Case un mes despois de celebrarse a poxa, o arrendatario do restaurante presentou un contrato privado, descoñecido ata entón pola Xunta, asinado en 2004 coa antiga Cámara Agraria, no cal se recollía un dereito de adquisición preferente no caso de venda do inmoble. É dicir, podería quedar co pazo se igualaba a mellor oferta presentada.
Segundo explicaron a PontevedraViva fontes da Consellería de Facenda, o titular do establecemento hostaleiro non acabou de cumprir todos os requisitos para executar este dereito preferente ata o pasado mes de agosto.
Durante ese tempo, a instancias de Santiago Montejo -que presentara a poxa máis alta na poxa-, a administración galega tratou de exercer de mediadora para que as dúas partes puidesen lograr un acordo que beneficiase a ambas. Chegouse mesmo a propoñer pagar o edificio a medias e que o empresario quedase só coa planta alta do pazo.
Pero o acordo non foi posible, polo que a Xunta tivo que resolver o proceso de adxudicación. Tras consultar coa asesoría xurídica e os seus servizos de Intervención, o goberno galego resolveu recoñecer a validez do dereito de adquisición preferente asinado no seu día polo dono do restaurante La Cámara, permitíndolle igualar o prezo máximo da poxa.
Facenda asegura que o interesado xa depositou os 620.000 euros requiridos para facerse co Pazo de San Román, polo que con esta resolución, na que se manifesta o consentimento para formar o contrato de compravenda, a Xunta dá por completada o alleamento do inmoble.
Neste sentido, o goberno autonómico aclara que o director xeral de Marfrío, como mellor ofertante da poxa, non tivo en ningún momento dereito algún sobre o inmoble, dado que a Xunta non chegou a formalizar a súa adxudicación.