Ponte Caldelas renuncia á bandeira azul da Calzada pola falta de socorristas
Por Redacción
A Calzada quedou sen bandeira azul. O goberno municipal de Ponte Caldelas decidiu arriar este distintivo para o que resta de tempada de baño. Faise, segundo o Concello, para non comprometer a concesión en anos sucesivos ante os problemas que se derivaron da situación actual dos socorristas.
Aínda que xa se resolveu o déficit de socorristas, a praia fluvial esgotou todo o mes de xullo e boa parte de agosto sen ter conseguido a dotación regulamentaria de tres socorristas no areal, criterio que marca as normas de ADEAC, a entidade que concede as bandeiras.
As dificultades xurdidas este ano para completar o proceso de selección e contratación foron "insuperables", sinalan desde o goberno municipal, diante de imprevistos como a renuncia dun dos seleccionados ou a marcha dun dos que estaban en prácticas ao ser contratado para outro traballo.
O Concello fixo unha oferta pública de emprego en xuño e lanzou seis ampliacións sucesivas. Non foi ata a última que se conseguiu ao terceiro profesional, para o que mesmo foi necesario contactar persoalmente con el toda vez que o Servizo Público de Emprego carecía de inscritos nas listaxes do paro. Así as cousas, está previsto que mañá mesmo se incorpore.
Ponte Caldelas completará deste xeito a dotación requirida na praia ata o remate deste mes de agosto co obxectivo de garantir a seguridade ao 100%, con independencia de que ondee ou non a bandeira azul.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que foi unha decisión "dolorosa pero tamén responsable". Defendeu a necesidade de actuar con rigor nas relacións con ADEAC, coas outras administracións e, sobre todo, coa cidadanía.
Engadiu que os problemas para a contratación de socorristas non son novos e afectan a moitos concellos. Este ano foron especialmente agudos e provocaron que Ponte Caldelas só poida dispor da dotación esixida apenas durante unha quincena, "polo que non era de recibo manter arriba a bandeira azul".
Entre as causas que explican o problema xurdido, Díaz apunta tamén á lentitude da Xunta de Galicia á hora de convocar as subvencións para a mellora da empregabilidade, que a práctica totalidade dos concellos utilizan para sufragar parte dos custos laborais dos socorristas. De feito, a convocatoria non saíu ata maio e a resolución desas subvencións segue sen publicarse.
"Resulta complicado contratar socorristas sen ter a seguridade de que se dispón das partidas necesarias, porque, por moito que a convocatoria da Xunta autorice á contratación anticipada do persoal, non sabemos que nos van dar ata despois do verán"", sinalou o alcalde, que suxire que esas subvencións se convoquen a principios de ano e se resolvan no primeiro trimestre.
Ponte Caldelas comeza xa a traballar, segundo o Concello, para cambiar de estratexia o ano próximo. Entre as medidas en estudo está a de asumir directamente estes custos laborais e destinar as posibles subvencións autonómicas á empregabilidade a outro tipo de traballadores.
Ao mesmo tempo barállase que, por primeira vez, a oferta pública de emprego sexa por tres meses en lugar dos dous habituais. Asemade, estudarase tamén incrementar o salario para facer que a praia da Calzada sexa máis atractiva e "compita" con outros areais nos municipios máis turísticos de Galicia, que son os máis solicitados.
Relacionadas:
-
O PP de Ponte Caldelas cre que o goberno de Díaz debe dimitir pola perda da bandeira azul
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas defende que a falta de socorristas é "un problema temporal" alleo á súa xestión
Por Redacción |
-
Sen socorristas na praia fluvial da Calzada "por falta de previsión", denuncia o PP
Por Redacción |
-
Os bañistas da praia da Calzada fórmanse en prevención de afogamentos
Por Redacción |