A Deputación destinará este ano 100.000 euros a asociacións que loitan contra a violencia de xénero
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra destinará este ano un total de 100.000 euros a axudas a asociacións sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero na provincia.
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a concesión da segunda convocatoria das subvencións, que implica máis de 68.000 euros. A eles habería que sumar os 32.000 euros xa concedidos na primeira convocatoria mediante subvencións a catro entidades da provincia.
Este total de 100.000 euros encaixan na aposta da Deputación de Pontevedra pola igualdade e pola loita contra a violencia machista. Ao respecto, a presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que son subvencións moi importantes para este goberno e por iso neste 2017 aumentan o orzamento con respecto ao 2016 en 25.000 euros.
"As institucións públicas teñen a obriga de estar ao lado da igualdade e traballar para que os homes e as mulleres teñan as mesmas oportunidades", engade Carmela Silva, que destacou que o traballo que fan estas entidades sen ánimo de lucro é moi beneficioso para a sociedade porque "necesitamos que todos esteamos unidos para así acabar coa lacra que supón a violencia machista".
No marco destas subvencións realizaranse actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; proxectos de atención integral para vítimas de violencia de xénero, fillos e persoas dependentes o seu cargo; programas e actuacións destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; actividades que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e campañas de difusión e sensibilización a cidadanía en materia de igualdade.
Relacionadas:
-
O persoal docente xa pode matricularse no curso de igualdade da Escola María Vinyals
Por Redacción |
-
A Deputación e a Universidade de Vigo ofertan un curso de igualdade para profesorado e o alumnado
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación de Pontevedra recibe un premio de "Mulleres Imparables"
Por Redacción |