Comezan os traballos para repoñer a pasarela de acceso á praia da Banda do Río
Por Redacción
O Concello de Bueu iniciaba este luns a construción dunha pasarela de acceso á praia da Banda do Río, que se está instalando xunto ao monumento de Johán Carballeira e que mellorará o acceso entre a chaira da entrada portuaria e o paseo marítimo.
As obras están a acometerse con orzamento municipal e está previsto que finalicen esta semana, segundo sinalaba Félix Juncal, que visitou este luns a zona.
A construción desta rampla foi unha petición realizada polo goberno de Bueu a Portos de Galicia, que retirara a anterior pasarela de madeira, debido á deterioración que presentaba. O Concello enviou un oficio para solicitar a súa reposición ou a súa autorización para a construción e a finais deste mes, Portos de Galicia remitiu un oficio no que autorizaba que está actuación fose realizada polo Concello.
Tamén se acometeron obras na contorna da Banda do Río, nos Xardíns de María Eugenia, coa renovación dos bancos e o cambio de farois. Ademais, estanse instlando novas xardineiras de madeira con camelias na rúa Rosalía de Castro. Todos estes traballos foron confeccionados por usuarios da Asociación Xoán XXIII de Cangas.