As pragas obrigan a cambiar a vexetación dos xardíns de María Eugenia
Por Redacción
Os xardíns de María Eugenia, situados na Banda do Río de Bueu, cambiarán de aspecto nas próximas semanas despois de que o Concello de Bueu finalice varias actuacións previstas nesta contorna. As pragas afectaron a algunhas das especies deste espazo e o goberno local decidiu substituílas por outros elementos de xardinería, sobre todo, con plantas de tipo ornamental.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitaba durante este xoves a zona para comprobar que se está acometendo o baleirado das xardineiras e a introdución dunha achega de terra e substrato para proceder á plantación.
A intervención supoñerá a mellora do mobiliario urbano, coa reparación de preto de 30 bancos e a substitución dos barrotes de madeira que se atopan en mal estado. En relación coa iluminación está a estudarse a posibilidade de renovar un total de 20 báculos luminarios, buscando un novo emprazamento e cambiar as lámpadas por outras de tipo LED. Con esta medida espérase aforrar en custos enerxéticos, ademais de mellorar a iluminación.