Cerdedo-Cotobade achegará o seu patrimonio cultural aos mozos a través do vídeo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrará os xoves 3, 10, 24 e 31 de agosto unhas xornadas formativas sobre o patrimonio cultural usando un formato pouco habitual e adaptado aos tempos actuais: un curso de vídeo creación e cun certame sobre documentais que premiará os mellores traballos.
A actividade está orientada a mozos de máis de 14 anos de idade tanto do municipio como do resto da comunidade galega e ten aberta a inscrición de xeito gratuíto ata o vindeiro martes, 1 de agosto, nas dependencias municipais.
As xornadas celebraranse de 18.00 a 20.00 horas na biblioteca municipal de Tenorio e contarán con persoal especializado na difusión do patrimonio cultural e con antropólogos, xa que coñecen os modos de chegar ás persoas maiores como portadoras do legado inmaterial do municipio.
No curso amosarase o patrimonio existente en CerdedoCotobade, pero tamén se ensinará aos asistentes as técnicas de localización, interpretación e representación do mesmo.