Podemos Sanxenxo considera un "fracaso" a reforma da PO-308 ao seu paso pola Lanzada
Por Redacción
Podemos Sanxenxo considera que a reforma da PO-308 que se está acometendo no municipio de Sanxenxo na contorna da Lanzada é un "fracaso". Esta agrupación política denuncia que se está priorizando o tráfico e o aparcadoiro atendendo aos mesmos criterios de hai 20 anos. Sinalan que a Xunta de Galicia está a financiar esta obra con fondos europeos destinados a cambiar o modelo de mobilidade e, segundo Podemos Sanxenxo, está a executarse unha obra insegura e obsoleta.
Critican a visita da Conselleira de Política Territorial, Ethel Vázquez, para inaugurar a senda peonil e ciclista. Para Podemos Sanxenxo non existe esa senda xa que se trata dun camiño de táboas de pouco máis dun metro de ancho fronte aos case 12 metros de estrada e aparcadoiros en batería.
Ademais, a agrupación política sinala que as beirarrúas son irregulares e estréitanse nalgúns tramos, por exemplo, ante a presenza da terraza dun hotel. Por último, denuncian os danos sufridos no espazo de dunas do Con do Cormorán, protexido pola Rede Natura 2000. Indican que foi "arrasado" mediante a vertedura de cascallos e o paso de maquinaria pesada. Afirman que, ademais, a empresa construtora deixou un acceso para que poidan entrar coches ata ese espazo.