Pontevedra recolle en Valencia o premio dos comerciantes españois ao centro histórico
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9a3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5964a8c3b0-img_5555.jpg)
© Concello de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/0da/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/5964aa2a24-agecu-2-1-.jpeg)
© Concello de Pontevedra
Un novo premio xa está nas mans do Concello de Pontevedra. É o que vén de concederlle a Asociación Española para la Gerencia de los Centros Urbanos (AGECU) pola peonalización do centro histórico. Ata Valencia viaxou a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, en representación de Pontevedra, para recoller este galardón.
A edil estivo acompañada do presidente e secretario do Centro Comercial Aberto Zona Monumental, Miguel Lago e Ernesto Filgueira, respectivamente, ambos convidados polo Concello para recoller este galardón ao ser recoñecido precisamente o centro histórico.
Na súa intervención, Anabel Gulías destacou a importancia deste galardón que premia o modelo urbano de Pontevedra. Explicou aos presentes que toda a transformación urbana comezou hai 18 anos, precisamente polo centro histórico, contando co apoio dos comerciantes da zona monumental e dos seus veciños.
A responsable desta área da cidade sinalou que o cambio que viviu o centro histórico "demostrou que a calidade de vida dunha cidade transformada para os peóns é unha cidade exitosa no sector terciario", sendo o comercio local un dos motores da súa economía.
A AGECU concedeu a Pontevedra este premio á "Iniciativa de intervención no espazo urbano" debido, segundo o fallo do xurado, ao "proxecto de peonalización do centro histórico da cidade, que permitiu recuperar o espazo público para o cidadán e converter a Pontevedra nun modelo de referencia internacional a nivel de intervención urbana".
Esta asociación reúne a máis de 100 profesionais vencellados e comprometidos co comercio urbano e que constitúe un punto de encontro, unha rede profesional de debate e análise que tenta dar resposta a diversidade de situacións que teñen os centros urbanos no estado español.