Homenaxear á xente do mar e dignificar a cultura marítima
Por Redacción
Combarro acolleu este sábado unha homenaxe á xente do mar e a presentación do libro de fotografías "Vento nas velas" de Xurxo Lobato. Na presentación, o fotógrafo estivo acompañado polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, quen cualificou esta publicación como "imprescindible para dignificar a pegada da cultura marítima na nosa sociedade".
O libro formará parte, ademais, do material complementario da exposición de maquetas "Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala", que o ente provincial achegará a diversos concellos da provincia no marco das actividades do Ano do Parimonio.
No marco do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a Deputación tamén contribúe coa exposición "Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala", que pode visitarse durante esta fin de semana no Pavillón do Patrimonio, instalado na Praza da Chousa. Esta mostra está composta por 18 maquetas de barcos, de diversos tamaños e que corresponden a diferentes tipoloxías, e 13 paneis explicativos. Despois de Combarro, a mostra pasará por Cambados, Bueu, A Illa de Arousa, Vigo e O Grove.
Esta exposición vai acompañada por unha pequena publicación que leva por título "Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia" editada pola Deputación, en colaboración con Culturmar e A Citania. Esta guía recolle unha vintena de embarcacións tradicionais tanto de río como de mar e que son as máis comúns nas exposicións e nos encontros deste tipo. Inclúe ademais un glosario mínimo sobre as diferentes partes das embarcacións, os tipos de velas, e a tradición dos carpinteiros e das carpinterías de ribeira.
Relacionadas:
-
Un inclusivo mar de velas despide o Encontro de Combarro
Por Redacción |
-
O alumnado do IES de Poio documenta o marisqueo no filme "Co devalar"
Por Redacción |
-
A cultura mariñeira vive a súa fin de semana grande en Combarro
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Combarro, primeira parada da exposición sobre maquetas de barcos da Deputación
Por Redacción |
-
A maior concentración de embarcacións tradicionais do estado tomará Combarro
Por Redacción |