Un inclusivo mar de velas despide o Encontro de Combarro
Por Redacción
Por cuarto día consecutivo, a flota tradicional soltou amarras este domingo para gozar dunha soleada e prácida xornada de navegación. Foi a derradeira das múltiples sesións náuticas realizadas. Unha saída que tivo como convidados especiais a tres dos mozos invidentes que ao longo do último ano participaron no proxecto "Sentir o mar"; desenvolvido co obxectivo de romper barreiras e divulgar a experiencia da navegación tradicional.
Foi, iso si, unha xornada de gosto agridoce; na que tocou despedir ás tripulacións das máis de 120 embarcacións que participaron neste XIII Encontro. Para as tripulacións de todas elas; así como para os distintos colectivos que desinteresadamente achegaron o seu traballo á organización deste Encontro; e para os que colaboraron activamente divulgando a cultura maritima e fluvial dende o Pavillón do Patrimonio da Chousa; houbo agasallos conmemorativos, que foron repartidos durante o xantar na Carpa Mariñeira.
Despois de catro intensos días, o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia toca á súa fin. Pero non foi triste esta despedida de Combarro. Moi pola contra, o domingo amenceu soleado e cun mar calmo moi acaído para a navegación prácida e sen sobresaltos que moitos xa precisaban despois de tres intensas xornadas. Unhas condicións das que gozaron especialmente os mozos que, grazas á colaboración entre Culturmar, a Once; e a Universidade de Vigo; puideron descubrir, ao longo do último ano, outro xeito de "sentir o mar".
Pero, mentres a ría de Pontevedra era surcada por un mar de velas; en terra continuaba o ir e vir; grazas ao bo número de actividades culturais que foron sucedéndose.
Cabe destacar o papel protagonista que a poesía tivo nesta edición do Encontro. E, máis intensamente, durante a fin de semana. E é que, entre o sábado e o domingo polos espazos da celebración mariñeira pasaron arredor dunha decena de autores (as máis delas, autoras), que cos seus recitais achegaron ao público en terra a lírica do mar. O sábado á tarde Marta Dacosta, Lara Dopazo, Míriam Ferradás e Arancha Nogueira fixeron da pintoresca Praza de San Roque un idóneo escenario para a poesía; cun recital que congregou a un bo número de afeccionados. Case de xeito simultáneo, na carpa da Chousa Xosé Iglesias presentaba, ramén recitando, o seu poemario "A relixión do mar".
Xa o domingo á mañá, Silvia Penas foi a protagonista grazas ao seu recital "Cinta adhesiva". Un impresionante espectáculo musicado, co acompañamento de Jesús Andrés Tejada; que a pesar da intensa calor soubo enganchar a todos cantos por alí pasaron.
Tamén quedou tempo nesta última xornada do Encontro para a presentación dunha nova obra editorial. Neste caso tratouse do libro "Pegadas da industrialización en Galicia: a enseada de San Simón". Un traballo de Manuel de Lara, da Asociación do Patrimonio Industrial de Galicia BUXA ao que seguiu un concerto da Escola de Acordeóns de Poio.
Xa pola tarde, a última nota musical puxérona as formacións corais Virxe de Fátima, Virxe de Renda e a Coral de Poio; que protagonizaron o último concerto dun Encontro que deixa para a lembranza vistosas estampas e unha chea de iniciativas que, sen dúbida, contribuirán a continuar espallando e poñendo en valor o vasto patrimonio marítimo e fluvial galego.
Relacionadas:
-
Homenaxear á xente do mar e dignificar a cultura marítima
Por Redacción |
-
O alumnado do IES de Poio documenta o marisqueo no filme "Co devalar"
Por Redacción |
-
A cultura mariñeira vive a súa fin de semana grande en Combarro
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Combarro, primeira parada da exposición sobre maquetas de barcos da Deputación
Por Redacción |
-
A maior concentración de embarcacións tradicionais do estado tomará Combarro
Por Redacción |