A cultura mariñeira vive a súa fin de semana grande en Combarro
Por Mónica Patxot & Redacción
Combarro volve ser por catro días a capital da cultura mariñeira máis tradicional. Desde este xoves ata ao vindeiro domingo 2 de xullo, acolle o XIII Encontro de embarcacións tradicionais, unha cita para a promoción do patrimonio cultural e histórico do mar de Galicia que xuntará neste punto de Poio preto de 150 embarcacións.
As embarcacións participantes chegan a Combarro navegando desde Francia, Escocia, Irlanda, Reino Unido, Croacia, Portugal, País Vasco, Cataluña e outros territorios do Mediterráneo.
O encontro inaugurouse este xoves na praza da Chousa coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que apelou a "seguir traballando todos xuntos pola permanencia da identidade da cultura galega mariñeira a través do tempo", e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Na organización deste evento colaboran as consellerías do Mar e de Cultura e Educación, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar froito dun convenio que tamén busca impulsar a posta en marcha doutras actividades de dinamización das embarcacións marítimas patrimoniais de Galicia. Rosa Quintana mantivo que o encontro permite centrarse "na recuperación e mantemento das embarcacións tradicionais e constitúe un compromiso social por defender as manifestacións materiais e inmateriais da cultura vinculada ao mar de Galicia e un esforzo por salvagardar o patrimonio flotante galego".
Dentro da programación inclúense actividades como un obradoiro no que alumnos de carpintería de ribeira realizarán traballos de restauración no bote de Carril '24 de Outubro'. Ademais, o Centro de Formación A Aixola exporá no encontro materiais nos que se poden apreciar tanto as técnicas de traballo tradicionais coma as últimas tecnoloxías de manipulación de madeira e aportará ao encontro un conxunto lúdico para os máis cativos, que poderán facer una navegación en piscina cunhas pequenas gamelas adaptadas, deseñadas para promover o coñecemento do patrimonio marítimo e achegalo a todas as idades.
No marco do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais tamén se celebrará o festival de poesía 'Fala do Mar', organizado pola asociación local Armadiña, co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Poio. Ten por obxectivo achegar a poesía a través da música e poñer en relevo voces innovadoras do panorama literario actual.
Este venres 30 abrirá a programación a poeta combarresa Tamara Andrés, quen ofrecerá un recital performático na Escola do Campo a partir das 20.00. O sábado, as actividades iniciaranse ás 11.00 cun obradoiro de poesía mariñeira para cativos dirixido por Antonio García Teijeiro na Escola do Campo. Ás 12.00 horas terá lugar un espectáculo poético musical na praza de San Roque da man do rapeiro Malvares de Moscoso e o escritor Miguel Ángel Alonso Diz.
Para rematar a xornada, Marta Dacosta, Lara Dopazo, Míriam Ferradáns e Arancha Nogueira protagonizarán o recital 'Mar de muller'. O encargado de pechar este festival será o grupo poético-musical Cintaadhesiva, formado por Silvia Penas e Jesús Andrés, que actuará o domingo ás 12:00 na praza de San Roque.
Relacionadas:
-
David Civera, Xabier Díaz e Radio Cos completan co Armadiña Rock os concertos da Festa do Mar de Combarro
Por Redacción |
-
Premio ao mellor videoclip en galego co Curtas Armadiña 2017
Por Redacción |
-
Un inclusivo mar de velas despide o Encontro de Combarro
Por Redacción |
-
Homenaxear á xente do mar e dignificar a cultura marítima
Por Redacción |
-
O alumnado do IES de Poio documenta o marisqueo no filme "Co devalar"
Por Redacción |
-
Combarro, primeira parada da exposición sobre maquetas de barcos da Deputación
Por Redacción |
-
A maior concentración de embarcacións tradicionais do estado tomará Combarro
Por Redacción |
-
Un obradoiro de "Nós ao grande" anticipa o Encontro de Combarro
Por Redacción |