As alfombras florais de Bueu, declaradas festa de interese turístico de Galicia
Por Redacción
Días antes de que se celebre unha nova edición, a Xunta de Galicia declarou as alfombras florais de Bueu como festa de interese turístico. Así o aprobou o Consello da Xunta celebrado este xoves, unha vez examinada a solicitude presentada pola Asociación Sociocultural Alfombras de Bueu e emitidos os informes preceptivos.
Esta celebración, que conta con 270 anos de antigüidade e que terá lugar esta fin de semana, súmase ás 140 festas de interese turístico coas que xa conta a comunidade galega, das cales nove están declaradas de interese turístico internacional, 11 de interese turístico nacional e 117 de interese turístico de Galicia.
No momento de tomar esta decisión, valoráronse os distintos requisitos e criterios de antigüidade, singularidade, arraigamento popular ou valor cultural. Tamén se tiveron en conta aspectos como a afluencia de visitantes, o adecuado coidado dos contornos urbanos, a calidade dos actos que configuran as celebracións e a súa creatividade e innovación.
A Festa das Alfombras Florais de Bueu ten lugar no marco da festividade do Corpus Christi desde hai máis de 270 anos. Desde entón non deixou de evolucionar e, froito disto, véñense realizando as alfombras florais ao longo dos últimos 100 anos.
O principal signo distintivo é o uso de produtos de orixe mariña (cunchas, pedras ou algas, entre outros materiais) na súa elaboración, nun percorrido de 1,5 quilómetros polas rúas deste concello pontevedrés.
Tamén se empregan elementos naturais como flores e elementos vexetativos presentes nos distintos xardíns, hortas e montes veciñais e mesmo se teñen incorporados novas técnicas como a papiroflexia.
Relacionadas:
-
A Asociación das Alfombras de Bueu participa nun encontro internacional en Bruxelas
Por Redacción |
-
Exposicións fotográficas, conferencias e actuacións musicais nas IV Xornadas das Alfombras Florais de Bueu
Por Noelia Torres Pintos |
-
9.000 euros para revitalizar a festa das alfombras florais de Bueu
Por Redacción |
-
Bueu homenaxea aos alfombristas veteranos
Por Redacción |
-
As xornadas das alfombras florais de Bueu lembran a Maruja Mallo
Por Redacción |