Xenofobia e feminismo no arranque da ABAU, a selectividade de toda a vida
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), máis coñecida como a nova selectividade, arrincou este mércores sen incidentes significativos.
O campus de Pontevedra recibiu 1.023 futuros universitarios, dos cales 566 examínanse na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e 457 na Escola de Enxeñería Forestal.
Para calquera observador o único novo é o nome da proba e os alumnos que se someten a exame, o resto é o mesmo de sempre, así que pronto se disiparon os nervios ao atoparse os estudantes sobre a mesa a estrutura dunhas probas xa coñecidas que arrincaban ás dez da mañá coa parte obrigatoria, Lingua Castelá e Literatura II.
Nela os alumnos atopáronse con dúas opcións cun texto xornalístico en cada unha e diversas preguntas de gramática, léxico e ortografía asociadas a cada tema. Os textos, fragmentos de artigos do El Periódico e La Vanguardia, versaban sobre a xenofobia e a crise dos refuxiados e sobre cuestións de xénero e o papel da muller na sociedade.
A proba incluía, como cada ano, outros exercicios teóricos sobre libros lidos durante o curso e cuestións de literatura, como o Modernismo ou o teatro español anterior á Guerra Civil, entre outras.
Ás 12.00 renovábase a sesión, tras un breve descanso, con Historia de España. De novo, seguindo unha fórmula similar á coñecida selectividade , os alumnos tiveron que compoñer un texto histórico baseándose en varios documentos achegados na proba. En función da opción escollida, os textos presentaban como tema central a oposición do réxime franquista e a súa evolución durante a ditadura ou a crise da Restauración a partir de 1898, abordado as consecuencias da guerra desa mesma data ou as demandas de rexeneración da vida pública.
Pola tarde foi a quenda dos exames de Lingua Galega e Literatura II e Primeira Lingua Estranxeira II.