O Porto de Marín financiará as obras de mellora da liña ferroviaria Redondela-Arcade
Por Redacción
A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra farase cargo do financiamento da obra de mellora da liña ferroviaria Redondela-Arcade, en concreto, do tramo de ponte metálica, en función dun convenio asinado este martes.
As actuacións mellorarán as prestacións da liña ferroviaria Redondela-Arcade, que pasará a posuír unha capacidade portante suficiente como para admitir ao paso dos trens unha masa máxima de 22,5 toneladas por eixo e de 8 toneladas por metro. Mellorará as condicións económicas e de calidade das operacións de circulación de trens, de interese estratéxico para a Autoridade Portuaria.
O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, presidiu a firma dun convenio de colaboración entre o presidente de Portos do Estado, José Llorca; o pesidente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), Juan Bravo; e o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez.
O convenio regulará as condicións para o financiamento por parte da Autoridade Portuaria da actuación, que se executará entre 2017 e 2018 e ascenderá a 2,5 millóns de euros (IVE non incluído).
O financiamento correspondente á Autoridade Portuaria cubrirá os custos de redacción do proxecto, a execución das obras correspondentes á actuación, entre os que se inclúen os asociados ás posibles expropiacións, pilotos de seguridade, materiais e demais custos asociados ao investimento.
Adif encargarase da redacción, supervisión e aprobación definitiva dos proxectos construtivos, previamente aprobados por unha comisión de seguimento, así como a licitación dos contratos de execución das obras, que executará asumindo a súa titularidade.