O BNG propón unha campaña de empadronamento no concello de Moraña
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os concelleiros do grupo municipal do BNG-Moraña Marcos Suárez e Eva Vilaverde veñen de presentar unha iniciativa en forma de moción para o inicio dunha campaña de empadronamento por parte do goberno municipal.
BNG ve con preocupación a contínua perda de poboación do concello de Moraña, acentuada dende o ano 2011, perdendo case 100 veciños nestes últimos cinco anos e aumentando dun xeito notable a diferencia entre o saldo de nacementos e falecementos.
Para o BNG de Moraña esta perda de poboación reflexa a saída de veciños "pola falta de oportunidades ou pola ausencia dunha oferta atractiva para atraer a nova poboación". É por iso que dende o grupo municipal esixen ao goberno "que deixe de mirar de lado e restarlle importancia a este feito" e animan ao mesmo a que poña en marcha "canto antes" accións para frenar a perda de poboación apostando por promover "unha campaña en positivo ", acentuando os beneficios de ser veciño do concello de Moraña, facilitando os trámites e ofrecendo unha serie de bonificacións específicas en determinados servizos para as persoas empadronadas.
Ademais, o grupo municipal do BNG considera necesario incluír esta campaña nun plan estratéxico a medio prazo, plan no que o BNG está disposto a aportar e consensuar , co obxectivo de conseguir os 5.000 habitantes no concello de Moraña.