Anabel Gulías defende en Valencia o modelo urbano pontevedrés na recepción institucional ao Forum Civinet
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros de Promoción da Cidade e de Mobilidade, Anabel Gulías e Demetrio Gómez, participaron este xoves na sinatura do Acordo de Valencia sobre mobilidade sustentable proclamado no VIII Forum Civinet España-Portugal, que esta rede de 35 cidades celebra na cidade do Turia.
Segundo informaron dende o Concello pontevedrés, o alcalde de Valencia, Joan Ribó, agradeceu "a vocación de exemplo e o modelo urbano de Pontevedra".
Ribó, sinalan fontes municipais, "citou expresamente que Pontevedra é un exemplo pola recuperación do espazo público, a mobilidade en xeral e particularmente a infantil, e que a súa experiencia está servindo a moitas cidades para optar por modelos semellantes". Foi durante a recepción coa que deu comezo a primeira xornada do Forum Civinet, introducido polas presidencias conxuntas de Santander e Torres Vedras (Portugal).
Anabel Gulías tamén participou nun foro político xunto aos concelleiros de Valencia, Santander, Torres Vedras, Funchal, Murcia, Sant Joan Despí (Área Metropolitana de Barcelona), Cascais, Alcobendas e Braga, e tamén o alcalde de Irún.
Os procesos de participación eran o tema a debate, que se xerou sobre todo arredor dos temores que a poboación ten habitualmente ante os cambios operados na mobilidade.
"Sempre que se loita contra os privilexios duns poucos ante aparentes dereitos moi consolidados, como a prioridade do automóbil nas cidades, xorden conflitos inevitablemente, pero está na man da cidadanía o cambiar o estado de cousas, xa que aos catro anos poden mandarnos para casa", dixo Anabel Gulías, quen subliñou que Pontevedra "realiza numerosas asembleas abertas nas que veciñas e veciños poden expresarse directamente sen intermediarios".
"Paga a pena loitar pola utopía da calidade urbana", engadiu.
Relacionadas:
-
México, destino da primeira misión empresarial impulsada polo Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Demetrio Gómez explica en Valencia que o modelo urbano pontevedrés "fomenta unha sociedad igualitaria"
Por Redacción |
-
O modelo urbano de Pontevedra, a estudo no Forum Civinet de Valencia
Por Redacción |
-
Lores anima os portugueses a devolver aos peóns espazos públicos ocupados polos coches
Por Redacción |