160.000 euros para a posta a punto dos colexios de Pontevedra
Por Redacción
Case 160.000 euros. É o investimento do Concello de Pontevedra en obras de mantemento e conservación nos colexios públicos de Infantil e Primaria do municipio. Trátase de actuacións demandadas polas comunidades educativas de cada centro e que formaban parte dun plan de intervención deseñado pola concellería de Educación.
En concreto, 129.225 euros investíronse directamente neste curso escolar 2016-2017. A eles súmase a partida de 30.000 euros para financiar as obras na escola infantil da Parda habilitar unha zona para gardar e aparcar os carros de bebés.
Ao colexio A Xunqueira I destínanse 39.000 euros para a reparación de soportes e pinturas, o arranxo de dúas escaleiras e o arranxo do muro exterior; mentres que case 8.600 euros son para a renovación de fontanería, eliminación de filtracións de auga e novas varandas no CEIP Barcelos.
Para A Xunqueira II van 12.000 euros para a colocación de varandas e un porteiro electrónico e unha serie de reformas para a instalación do sistema antipánico en dúas portas; e outros 3.160 euros, entre outras obras, para a reparación do peche exterior e a colocación de proteccións nas pilastras do soportal no colexio de Cabanas.
No Manuel Vidal Portela investiranse 5.500 euros para colocar unha porta de seguridade na sala de informática e para mellorar o seu pavimento, así como a reposición de letreiros de auga. Outros 3.400 euros servirán para arranxar o parque infantil do colexio de Marcón e case 19.000 euros para arranxar os falsos teitos e substitución de xanelas no colexio Vilaverde.
Case 40.000 euros destínanse á limpeza, pintado e tratamento hidrofugante na fachada do colexio San Martiño de Salcedo e outros 15.200 euros serán para o mantemento do patio interior da escola Crespo Rivas, para o pintado das paredes e da estrutura do seu soportal traseiro e para a reparación de dinteles moi deteriorado.
En Ponte Sampaio investiranse 4.400 euros para o peche frontal do colexio, case 5.000 euros irán para a reparación do falso teito e a substitución de xanelas no colexio de Campolongo e outros 4.400 euros para a reposición do falso teito nunha aula da escola infantil Fina Casalderrey e un tratamento antiescorregadizo no pavimento exterior.
Ademais, case 29.000 euros destinaranse á reparación de filtracións de auga nos colexios Froebel, Campolongo, Parada-Campañó e Fina Casalderrey.
Este plan de intervención está a facerse con cargo ao departamento de Obras, mentres se ultima a tramitación do expediente de contratación para o mantemento, reparación e conservación dos centros educativos, valorado en 200.000 euros para todo o ano.