Sanxenxo pide a Educación unha moratoria dun ano para evitar o peche da unitaria de Aios
Por Redacción
Desde que un inspector de Educación comunicase á profesora titular da escola unitaria de Aios (Noalla) a intención da Xunta de pechar este centro, o Concello de Sanxenxo púxose ao choio para evitalo.
A concelleira de Educación, Sandra Fernández Agraso, solicitará unha reunión co xefe territorial de Educación para abordar a situación desta escola de educación infantil.
"Levamos quince días traballando e pendentes deste tema e o que fixemos foi darlle traslado ao inspector de Educación de que a matriculación no vindeiro curso é susceptible de medrar", explica Fernández Agraso.
A escola conta con cinco nenos matriculados para o curso 2017-2018, un menos do cociente esixido pola Xunta para mantela aberta. Con todo, o seguinte curso escolar 2018-2019 Aios conta con entre 7 e 9 nenos susceptibles de acudir a este centro.
"Utilizamos os datos do padrón municipal para constatar que a escola é necesaria. E queremos explicarlle ao xefe provincial que este vindeiro curso é o único no que se baixa do ratio, e baixase nun só neno. Creo que é un dato importante si temos en conta que a escola de Aios leva funcionando máis de 40 anos", explica a edil do BNG.
A edil de Educación mantivo xa unha reunión coa ANPA Telleiro, que lle mostrou a súa preocupación polo posible peche da escola, e terá un novo encontro con todas as asociacións de Noalla, debido á preocupación social que está a xerar a posibilidade de que a Xunta peche esta escola unitaria.
O Concello entende que a redución dun neno nun único ano "non é motivo para que a Xunta tome a decisión de peche con tanta precipitación" e por iso o goberno municipal pedirá unha moratoria dun ano, o próximo curso, "coa certeza de que a escola de Aios terá máis alumnos na vindeira matriculación".
Sandra Fernández Agraso destaca o valor educativo das escolas unitarias, nas que o menor número de alumnado permite aos profesores unha maior dedicación, que se traduce nunha mellor aprendizaxe.