Lores 'Rompetechos' e Moreira 'Sacarino', protagonistas do pleno municipal
Por Alejandro Espiño
Os concelleiros do Concello de Pontevedra criáronse lendo os tebeos de Ibañez. Iso quedou claro na sesión plenaria celebrada este luns. Algunhas das súas personaxes saíron a relucir cando o portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, interpelaba ao alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, polo que cualificaba de "compromisos incumplidos" polo goberno municipal en materia de investimentos.
Todo comezaba cando Jacobo Moreira acusaba ao goberno local de estar en "stand-by", ante a "inexistencia en investimentos e obras dun mínimo calado" e limitarse a facer públicos "anuncios propagandísticos de medidas de reforma urbana pero sen resultados tanxibles". Aí enumerou, entre outros, a conexión de Fernández Ladreda e a Avenida Vigo, a reforma de Santa Clara ou o Campo da Torre, as medianeiras da Peregrina ou a urbanización de Pasarón.
E Miguel Fernández Lores, que esperaba a pregunta, explicou que con respecto a eses investimentos "o que é menos urxente pode agardar e o menos importante ou que teña menos rendibilidade social eliminouse". Pero foi moito máis alá. Lamentou que o portavoz do PP actúe como "mozo dos recados" da Xunta de Galicia, unha administración, dixo, que "no canto de recoñecer a responsabilidade do seu cargo o utilice como se fose o botones Sacarino".
Por iso é polo que tras sinalar que "a ofensiva brutal de recorte de gasto público e de empobrecemento dos cidadáns" é a do goberno de Mariano Rajoy, Lores pedise a Moreira que "exerza de botones Sacarino de forma bidireccional" e pregunte á Xunta de Galicia, entre outros, polo Carlos Oroza, a reforma da PO-531, o colector dos Gafos, o colexio de Valdecorvos ou a remodelación de Loureiro Crespo e O Castañal.
Tras destacar que "se o PP estivese gobernando o panorama sería dantesco" e que o Concello de Pontevedra "estaría arruinado e paralizado por obras sen futuro", o alcalde de Pontevedra botou man dun símil futbolístico para, irónicamente, asegurar que "unha vez máis, está vostede mal colocado, en fóra de xogo". E pediulle que siga preguntando nos plenos porque "gústame gañar o partido de vez en cando e cando vostede pregunta, gañamos sempre".
Pero Jacobo Moreira non se quedou calado e tras apuntar que o único diñeiro que hai no concello pontevedrés "é para festas e soldos" ou preguntarlle ao BNG se "renega dos seus pactos con Bildu", reiterou que "só son recadeiro dos cidadáns de Pontevedra". E buscou un parecido ao alcalde. "Se eu son o botones Sacarino, vostede é Rompetechos", ao non ver, dixo, o "lamentable" estado, entre outras, da praza Valentín García Escudero.