O PP culpa á falta de orzamento da ausencia de "claridade e transparencia" nas contas municipais
Por Alejandro Espiño
A "incapacidade", segundo o Partido Popular, do goberno municipal á hora de presentar o orzamento de 2013 é unha mostra máis, din, da "falta de claridade e transparencia" do bipartito municipal. ÿ o principal argumento esgrimido polos populares para a súa abstención na aprobación dunha nova modificación de crédito por valor de 3,6 millóns de euros, que elevará as contas de 2012 ata os 70,5 millóns de euros.
Trátase dunha modificación, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, que servirá para financiar "actuacións de gran transcendencia" como o primeiro tramo da Ronda Urbana, a rede de sumidorios do rural, melloras no campo de rugby de Monte Porreiro, a rehabilitación da casa consistorial da Praza de España ou para facer fronte ás posibles indemnizacións para rescindir o contrato do Museo da Historia de Valentín García Escudero.
Precisamente este último concepto foi moi criticado pola concelleira popular Ana Isabel Vázquez, que acusou ao Concello de "tirar os cartos" e de non saber planificar "onde investir". Todo iso solucionaríase, insistiu, "se houbese un orzamento que ordenase o que hai que facer". Ata que non o haxa, dixo, "non podemos ser cómplices" dunha xestión económica que cualificou de "pouco transparente e pouco rigorosa".
Ante estas acusacións, Raimundo González lamentou que os concelleiros do PP "o único que demostran é que non queren que se fagan estas actuacións" e preguntoulles "que lles van dicir aos veciños porque só poñen atrancos".
Apróbanse as novas taxas do guindastre
No pleno deste luns aprobáronse tamén as novas taxas do servizo do guindastre municipal. Saíron adiante a pesar do voto en contra do Partido Popular. Jacobo Moreira criticou que se suba un 32 por cento este "tributo", meses logo de incrementarse varias taxas municipais. Unha subida "desproporcionada", dixo, que colocará a Pontevedra como a cidade galega co guindastre máis caro tras Vigo.
Desde o goberno municipal, Raimundo González xustificou esta suba para que o guindastre deixe de ser deficitario para o Concello de Pontevedra. Fronte a uns ingresos de 545.000 euros, págase á empresa Setex Aparki, dixo, uns 637.000 euros aos que habería que sumar os gastos indirectos. E recordou que, en todo caso, que non é unha taxa universal, xa que "só pagan os infractores", dos cales explicou que "só" o 40 por cento dos 4.000 multados son de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Pontevedreses, Moreira fálavos a través de YouTube
Por Redacción |
-
O PP esixe publicidade para o listado de empresas que contrata o Concello
Por Redacción |
-
Moreira resígnase a que non haberá orzamento municipal por un intento de Lores e Raimundo de "trabajar en la opacidad"
Por Natalia Puga |
-
Lores 'Rompetechos' e Moreira 'Sacarino', protagonistas do pleno municipal
Por Alejandro Espiño |