77 aspirantes para as oito prazas de auxiliares na Policía Local de Bueu
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un total de 77 persoas optan a unha das oito prazas de auxiliares da Policía Local que sacou o Concello de Bueu. Todos eles foron xa convocados para participar nas probas prácticas, que se celebrarán o luns 8 de maio, a partir das nove da mañá, no estadio municipal de atletismo de Cangas.
Nelas mediranse a estatura e diversas aptitudes físicas. Concretamente realizaranse unha potencia tren inferior ou salto vertical e unha carreira de 1.000 metros lisos coa que se comprobará a resistencia xeral.
Tamén desenvolverán as probas de coñecementos, que consistirán nunha avaliación dos contidos do temario, unha proba específica sobre o termo municipal e a toponimia local e unha proba de coñecemento da lingua galega.
Bueu contratará catro auxiliares por un período de tres meses, dous auxiliares por dous meses, e outros dous auxiliares por un período de seis meses.
Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elaborará unha proposta de contratación e os aspirantes desenvolverán un curso de formación a cargo da Academia Galega de Seguridade Pública.