Piden á Subdelegación do Goberno un posto permanente da Garda Civil en Bueu
Por Redacción
O Concello de Bueu conta cun informe elaborado pola Xefatura da Policía Local no que se alerta de que este corpo, de competencia municipal, está desempeñando funcións relacionadas coa seguridade cidadá que correspondería a outras forzas de seguridade, tales como a Policía Nacional e a Garda Civil.
En base a ese informe, o alcalde, Félix Juncal, reclama á Subdelegación do Goberno en Pontevedra que se cree un posto permanente do instituto armado no municipio.
En relación co informe da Policía Local, o Concello explica a través dun comunicado que se encargan da atención telefónica de numerosas chamadas tras as que se fan inspeccións oculares ou exposicións dos feitos. Ademais, o documento indica que se recollen arredor de 225 denuncias anuais, unha tarefa que non lle correspondería.
O Concello de Bueu xa enviou un escrito á subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, o pasado 24 de marzo solicitando esta dotación de medios e tamén a convocatoria da correspondente Xunta Local de Seguridade. Como non obtiveron resposta, volverán enviarlle outra carta reiterando a demanda.
Esta nova petición céntrase en que chega a época estival e é necesario contar con máis medios de seguridade ante o incremento de visitantes e de actividades e en que os policías locais se están encargando das labores de seguridade cidadá que non teñen que ver co ámbito de actuación da Garda Civil, cuxo posto se atopa en Marín.
Félix Juncal reclama a mesma atención en Bueu ca en todos os concellos da comarca e non está disposto a "seguir aceptando" que Marín conte con Policía Nacional e Garda Civil e que Moaña e Cangas teñan cuartel de Garda Civil e, mentres tanto, Bueu só teña medios da Policía Local.
Relacionadas:
-
77 aspirantes para as oito prazas de auxiliares na Policía Local de Bueu
Por Redacción |
-
O Goberno estudará dotar a Bueu dun posto permanente da Garda Civil se o Concello achega o local
Por Redacción |
-
Que Bueu non teña cuartel da Garda Civil "no quiere decir que no esté atendida", matiza a subdelegada do Goberno
Por Redacción |