O Concello de Cuntis recolle as demandas dos veciños do Casal
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantivo unha reunión de traballo xunto cos concelleiros Conchy Campos e Enrique Portela, co alcalde de barrio do Casal, na parroquia de Estacas, e membros da comunidade de montes.
Na reunión, programada desde hai días, tratáronse os traballos realizados polo Concello de Cuntis. Por exemplo, a mellora do viario de acceso ao núcleo do Casal no que se investiron 15.000 euros.
Os traballos acometidos consistiron no asfaltado e pintado da vía e tamén se limparon as cunetas noutros viarios de acceso ao mesmo núcleo.
Os representantes dos veciños trasladaron aos membros do goberno as principais peticións para o núcleo do Casal que foron as acordadas en asemblea polos veciños. Entre elas, o remate da rede de sumidoiros para a conexión das vivendas que faltan por enganchar á rede e a cesión de paso para a instalación das canalizacións.
Tamén se pediu o asfaltado da vía de acceso a Vilameán e o mantemento das demais vías e finalmente, a recollida das augas pluviais no muro que rodea a fonte de España.