Xabier Aboi, da CIG-Mar, reclama máis medidas de seguridade para evitar estes accidentes mortais na ría
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Xabier Aboi, da CIG-Mar, lamentaba o accidente marítimo deste mércores en Combarro sinalando que se tiveron que dar varias circunstancias negativas para que o barco impactase contra a batea. O representante sindical, que se mantivo en contacto desde primeiras horas da mañá con diversos representantes de confrarías da zona, afirmaba que os tripulantes eran persoas con experiencia na ría, mariñeiros de Campelo e nalgún caso foran directivos da confraría de Pontevedra. Aboi sinala que estaban afeitos realizar esta ruta ao ser unha embarcación que se atopaba asociada á confraría de Portonovo, que descargaba habitualmente no porto pesqueiro de Marín.
O responsable da CIG-Mar aproveitaba para criticar a normativa que regula ao sector pesqueiro sinalando que mentres a lexislación actual obriga aos barcos pequenos e ás planadoras para transportar un botiquín completísimo, "que non ten un cirurxán", en cambio para estes barcos só se regula a presenza de chalecos salvavidas sen a obriga de que a tripulación os leve permanentemente. No caso deste accidente, agás o patrón, o resto dos tripulantes atopábanse descansando no camarote.
Aboi lembraba que o ex conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, manifestara hai anos que os traxes de superviviencia só eran necesarios para os barcos que traballan en altura porque ninguén morría preto do litoral por hipotermia. Ante o accidente das últimas horas en Poio, o representante sindical sinalaba que estas mortes producíronse moi preto do porto por ahogamiento e por hipotermia preguntándose "cal é ou prezo destas tres vidas?".
Desde o sindicato amosaron o seu pesar polas tres mortes e entenden que o vento, o mar e posiblemente algún erro humano, un "descoido", poden atoparse detrás deste tráxico accidente no que o barco impactaba de fronte contra a batea, provocando o rápido afundimento da embarcación.
CC.OO. ALERTA DO INCREMENTO DE ACCIDENTES NO MAR
Tamén o secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisiones Obreras de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, amosaba a súa preocupación porque o sector pesqueiro é onde se rexistraba un meirande incremento de accidentes laborais durante o ano 2016, ademais de presentar o maior índice de incidencia de sinistros de carácter grave ou con resultados de morte. Engadiu que nestes momentos toca apoiar ás familias das vítimcas, antes de determinar as causas desta desgraza.
Relacionadas:
-
VIDEO.- Naufraxio á porta da casa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Tres días de loito en Poio: "O noso pensamento neste momento tan tráxico está cos familiares e amigos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Tres mariñeiros falecidos no naufraxio dun barco entre Tambo e Combarro
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada