Tres mariñeiros falecidos no naufraxio dun barco con cinco tripulantes entre Tambo e Combarro
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Tres mariñeiros faleceron e dous foron localizados con vida tras un naufraxio ocorrido na madrugada deste mércores entre a illa de Tambo e Combarro, en augas de Poio.
A embarcación Nuevo Marcos, con base en Portonovo (Sanxenxo), pero con cinco tripulantes de Campelo (Poio), fixera unha parada o porto de Marín e, sobre as 4.00 horas, volvía a porto. Nun momento dado, chocou contra unha batea e afundiu nun punto entre Tambo e Combarro a unha milla da costa.
Xa antes de saír o sol, sobre as 5.45 horas, foi localizado un dos tripulantes na praia de Combarro e na hora seguinte unha embarcación particular e o helicóptero de Salvamento Marítimo Pesca 1 localizaron dous cadáveres na auga e a un cuarto mariñeiro con vida, pero ferido. Conseguira agarrarse a unha batea.
Unha patrulleira do sevicio marítimo da Garda Civil, varias embarcacións particulares, o helicóptero Pesca 1 de Salvamento Marítimo, as embarcacións María Pita e Salvamar Sargadelos de Salvamento, os Gardacostas e varias unidades da Garda Civil e de Protección Civil mantiveron durante horas un amplo operativo de procura para localizar ao quinto tripulante, o patrón do barco.
Finalmente, o seu cadáver foi localizado sobre as 12.20 horas polos mergulladores dos GEAS da Garda Civil nas inmediacións do pecio.
O patrón maior da confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, explicou que unha embarcación de Marín que participaba nos labores de procura chocou coa quilla co barco afundido e foi sinalizado ata a chegada dos submarinistas. Unha vez que os submarinistas da Garda Civil lograron baixar á zona, descubriron que non estaba dentro, pero sobre as 12.20 horas finalmente foi localizado sen vida.
Segundo indicaba, cando chocaron, non lles deu tempo a coller o chaleco salvavidas, pero si o aro. "Saltou do barco, colleu un aro salvavidas, ou lle pasaron o aro salvavidas, e a partir de aí xa non se sabe nada máis", indicaba xusto antes de que aparecese o cadáver.
Os cadáveres dos dous primeiros tripulantes falecidos foron trasladados pola Garda Civil ao porto de Combarro e os dous feridos recibiron asistencia médica. O que foi localizado na praia de Combarro, de 23 anos, tiña síntomas de hipotermia tras naufragar e nadar ata terra firme e do outro consta que está ferido.
RELATO DO ACCIDENTE
O responsable de Emerxencias do Concello de Poio, Manuel Vicente, explicou que o accidente se produciu sobre as 4.00 horas, pero ata as 5.30 horas non houbo alerta polo ocorrido. Segundo indicou, a maioría dos tripulantes estaban a durmir cando sentiron un forte golpe e empezou a entrar auga. O barco deu a volta e saltaron todos ao mar. Un deles chegou unha hora e media despois a nado á praia de Combarro. Trátase de Carlos Carballa Rosales.
Aínda que a distancia entre o punto de naufraxio e a praia "non é moita", o mozo tardou "preto de hora e media" en chegar a terra "polo aire do norte que está pegando e o frío".
En declaracións aos medios no porto de Combarro, o patrón maior da confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, explicou que o mar estaba en calma, pero facía moito vento, o que motivou que fixesen unha parada en Marín durante a madrugada. Dedícase á pesca do cerco e é un barco pequeno, duns 12 ou 13 metros de eslora, de modo que "non estaba a noite para eles para pescar fóra" e resgardáronse.
Cando xa volvían a terra "bateron cunha batea" na zona coñecida como A Brensa, a máis próxima a Tambo e "tentaron ir cara á praia", pero, na súa opinión, "equivocáronse aí". A tripulación "é experta", pero non puideron evitar o fatal desenlace.
O barco Nuevo Marcos xa tivera un naufraxio nos anos 2006 e 2007, con tan só once meses de diferenza, un deles na zona da Lanzada e outro na contorna da illa de Sálvora.
Imágenes de la Salvamar Mirach en la zona del hundimiento del Nuevo Marcos, cercana a isla de Tambo, donde se busca al desaparecido pic.twitter.com/eschcZadHU
— SALVAMENTO MARÍTIMO (@salvamentogob) 26 de abril de 2017
Relacionadas:
-
A falta de balizas dun polígono de bateas "contribuíu obxectivamente" ao naufraxio do Nuevo Marcos
Por Natalia Puga |
-
Sentida homenaxe durante a celebración do Carme aos falecidos no naufraxio do Nuevo Marcos
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
En Marea reclama as gravacións das transmisións do rescate do Nuevo Marcos
Por Redacción |
-
Denuncian que o "colapso" do 112 afectou á xestión do naufraxio do Nuevo Marcos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Poio retoma a súa axenda oficial tras os tres días de loito
Por Oskar Viéitez |
-
O "Nuevo Marcos" xa foi reflotado a Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- Naufraxio á porta da casa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Xabier Aboi, da CIG-Mar, reclama máis medidas de seguridade para evitar estes accidentes mortais na ría
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Tres días de loito en Poio: "O noso pensamento neste momento tan tráxico está cos familiares e amigos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot & Natalia Puga | Creada e actualizada