Tonucci avoga por que os nenos participen no goberno das cidades
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, tamén coñecido polo seu alter ego como debuxante "Frato", foi recibido este luns na Deputación e no Concello de Pontevedra onde avogou para que os nenos participen no goberno das cidades, esgrimindo argumentos científicos e legais.
Tonucci protagonizará durante estes días distintas actividades organizadas en toda a provincia para divulgar o seu ideario sobre os espazos públicos e a súa filosofía de goberno das cidades, polos que acaba de recibir o doutoramento honoris causa da Universidade de Oviedo.
Nun encontro coa prensa o pedagogo referiuse a Pontevedra como "unha cidade de estudo" unha "inspiración" para todas aquelas urbes que queiran "antepoñer as persoas aos coches" e destacou que respecto do seu gran proxecto, a cidade dos nenos, a Boa Vila "aínda ten que seguir dando pasos" porque esta filosofía "é un camiño".
Francesco Tonucci defende que as cidades que piden os nenos son "completas" porque "non son só para eles senón para todos", son cidades "para ser felices" por iso cre que "hai que poñer límites aos maiores". Ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceulle que "Pontevedra está adiantada no tema da autonomía do nenos" pero queda "o paso máis importante" que é o da participación no goberno dos cidadáns máis pequenos.
Ademais Frato quere "nenos molestos" que fagan preguntas e propostas "que preocupen ao alcalde e que non lle divirtan" que "rompan equilibrios e cren conflitos".
O psicopedagogo coincidiu coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, en que os políticos deben entender que "a súa misión é a felicidade da xente" unha obxectivo que é "moi difícil de usar fóra da familia".
Tonucci falou tamén da necesidade de recuperar as cidades para as persoas. Neste proceso de cambio indicou que se debe "priorizar o barrio" e destacou que cando os nenos xogan nas rúas estas vólvense máis seguras xa que "os nenos producen seguridade". Tamén lamentou a "falta de democracia" que ao seu xuízo supón que o 80% do espazo público estea "permanentemente privatizado pola presenza de coches, aparcados ou en circulación".
Desde este luns e ata o 11 de xuño Francesco Tonucci divulgará a súa filosofía en diferentes encontros con alcaldes e impartirá conferencias destinadas a toda a cidadanía e, especificamente, a docentes e urbanistas.
Ademais o vindeiro venres día 28 inaugurarase no Pazo da Cultura de Pontevedra a exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" e os días 25 e 26 do próximo mes de maio, Pontevedra acollerá a reunión anual da Rede Española de Cidades dos Nenos.
Relacionadas:
-
O Consello dos Nenos cre insuficiente o número de bambáns na cidade
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Tonucci fala dos seus 40 anos con ollos de neno
Por Mónica Patxot |
-
Frato amosa como facer visible o invisible do universo infantil
Por Mónica Patxot |
-
A relación entre Pontevedra e Tonucci, unha "profunda simbiose"
Por Redacción |
-
Lores, en Puente Genil: "A mellor seguridade viaria son os nenos xogando na rúa"
Por Alejandro Espiño |
-
O consello de Tonucci: adaptar o modelo urbano de Pontevedra á personalidade de Cambados e O Grove
Por Redacción |
-
A imaxinación infantil visibilizarase no Pazo da Cultura cos debuxos de Frato
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra converterase na "Provincia Tonucci"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Pazo da Cultura acollerá a exposición 'Imaxinar a educación. 50 anos con Frato'
Por Oskar Viéitez |