CIG, UGT e CC.OO. reivindican en Santa María un convenio colectivo digno na sanidade privada
Por Redacción
Representantes sindicais e traballadores do sector da sanidade privada concentráronse este mércores ás portas do sanatorio Santa María de Pontevedra para facer públicas as reivindicacións dos sindicatos UGT, CC.OO. e CIG en relación coa necesidade de que se aprobe un convenio colectivo digno para a sanidade privada.
Os tres sindicatos están presentes na mesa de negociación do novo convenio e rexeitan tanto a oferta presentada pola patronal como a actitude dos empresarios, de modo que consideran "necesaria" a unidade de todos os traballadores para facer unha fronte común que permita "desbloquear a negociación".
Segundo denuncian, despois de oito reunións para negociar as condicións do convenio colectivo da hospitalización e o internamento na provincia de Pontevedra, a patronal continúa facendo unha oferta "absolutamente insuficiente", pois propón un covenio a catro anos a partir de 2017, de modo que xa dan por perdidos os anos 2014, 2015 e 2016, e pon sobre a mesa unha subida salarial do 0,50% a partir do presente ano.
A proposta que está sobre a mesa supón unha subida salarial do 2% en sete anos e, ademais, aseguran que non hai ningunha outra mellora social nin redución de xornada que "permita compensar" esa perda real de poder adquisitivo, tan só a equiparación salarial de enfermeiros e fisioterapeutas en catro anos.