O saneamento do Gafos custará finalmente 831.000 euros e incluirá 129 pozos e 3.300 metros de tubaxe
Por Natalia Puga
A UTE formada por Ediserpo e Ogmios encargarase da obra de mellora da rede de saneamento do río dos Gafos tras ofrecer a oferta con mellor puntuación das 18 empresas que se presentaron ao concurso para a execución da actuación. Ademais, de presentar unha mellora económica de preto de 300.000 euros sobre o prezo de licitación, inclúe a maiores unha mellora no proxecto ao ampliar o tramo no que se aplicará desde a estación de autobuses ata a rúa Alcalde Hevia.
O proxecto saíu a licitación por 1.126.174,48 euros e coa proposta inicial de sanear o río entre o límite con Vilaboa e a estación de autobuses. Finalmente, Ediserpo e Ogmios farano por 831.116,30 euros e actuarán entre Vilaboa e Alcalde Hevia.
Segundo os datos achegados polo portavoz do goberno local, Raimundo González, faranse 129 pozos estancos novos de poliuretano de corpo único que eviten filtracións e retiraranse os pozos actuais, que son de arillos e formigón. Ademais, instalaranse ao redor de 3.300 metros de tubos de 500 milímetros de diámetro, dos que máis de 648 corresponden ao tramo entre a estación e Alcalde Hevia que se incluíu como mellora.
Raimundo González explicou que a mesa de contratación se reunión esta semana e, tras analizar as distintas ofertas, acordou xa adxudicar a actuación a Ediserpo e Ogmino. Había unha que o facía máis barato, pero a mesa de contratación entendeu que incorría en baixa temeraria. Unha vez acordado, espérase que a adxudicación propiamente dita apróbase na Xunta de Goberno do próximo luns e que ao longo deste mes de abril queden liquidadas todas as cuestións administrativas.
Dado que o prazo de execución previsto para a obra é de nove meses, as previsións do goberno local son que a finais deste ano 2017 xa estea "practicamente rematada" esta actuación que supón unha "mellora ambiental substancial" para Pontevedra. Pagarán a obra ao 50% o Concello e a Deputación Provincial despois de que a Xunta de Galicia decidise abandonar o proxecto, que nun primeiro momento prevían asumir na súa totalidade.
O proxecto ten por obxecto incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais de Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, conseguir a estanquedad dos pozos e retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.
Relacionadas:
-
O luns comezan as obras do saneamento do Gafos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O saneamento dos Gafos chegará ata Alcalde Hevia
Por Alejandro Espiño |
-
Dezaoito empresas presentan ofertas para executar o saneamento do río Gafos
Por Redacción |
-
Novo paso para facer realidade o proxecto "altamente demandado" do saneamento do Gafos
Por Redacción | Creada e actualizada