O luns comezan as obras do saneamento do Gafos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este venres unha reunión con representantes da asociación Vaipolorío para presentarlles o proxecto de saneamento do río Gafos e para anunciarlles que os traballos comezarán este luns, 19 de xuño. O alcalde estivo acompañado polo concelleiro delegado do ciclo da auga, Raimundo González e o enxeñeiro xefe do Concello, Jesús Gómez Viñas.
Lores destacou que "é unha obra moi necesaria e vai supoñer un antes e un despois nos verquidos urbanos", e tamén adiantou que é intención do Concello "facer un seguimento estrito da obra".
Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío, asegurou que "o saneamento é o punto máis importante para a asociación, dende o punto de vista biolóxico", e tamén pediu que se complete o saneamento con outras actuacións río arriba.
O proxecto, ao que se tiñan presentado 18 empresas, será executado pola UTE Construtora Ediserpo S.L. - Ogminos Proyectos SL. Ten un orzamento de 831.116,30 euros, o que supón unha rebaixa do 26,2% respecto ao prezo de licitación de 1.126.174,48 euros. Esta obra está incluída dentro dos convenios por saneamento asinados coa deputación provincial.
A obra consiste en incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais de Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanquidade dos pozos para evitar que entre a auga do río e, na medida do posible, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.
Instalaranse 3.335 metros lineais de tubaxes: 2.687 metros dende o límite co concello de Vilaboa até a estación de autobuses e 648 metros lineais máis a cargo das melloras, dende a avenida de Vigo até a rúa Alcalde Hevia. Será un colector de PVC de 500 milímetros fronte aos de 400 de agora.
Polo que respecta aos pozos estancos, o que se fará é substituír os que hai de formigón e anelados por outros de corpo único. Vaise a actuar nun total de 129 pozos. O proxecto ten un prazo de execución de 9 meses.
A UTE tamén fará as dúas melloras que se incluían no proxecto de licitación: cambiar a rede de saneamento dende a estación de autobuses até a avenida de Vigo, por un colector de PVC de 500 milímetros (valor de licitación, 110.230 euros) e executar un novo colector entre a avenida de Vigo e a rúa Alcalde Hevia (valor, 141.486,14 euros).
Relacionadas:
-
A finais de novembro estará rematado o saneamento do río Gafos ata Alcalde Hevia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Retiran 200 quilos de lixo do río dos Gafos
Por Redacción |
-
As obras da A-57 tinguen de branco o cauce do Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
O saneamento do Gafos custará finalmente 831.000 euros e incluirá 129 pozos e 3.300 metros de tubaxe
Por Natalia Puga |
-
O saneamento dos Gafos chegará ata Alcalde Hevia
Por Alejandro Espiño |
-
Dezaoito empresas presentan ofertas para executar o saneamento do río Gafos
Por Redacción |