A segunda promoción de mestres composteiros inicia a súa formación
Por Redacción
Vinte aspirantes forman parte da segunda promoción de mestres composteiros. Todos eles comezaron este luns os seus estudos, co obxectivo de converterse ao rematar o curso en persoal especializado en compostaxe.
Nesta 'Facultade da Compostaxe' estudarán os que superaron o exame e a entrevista persoal realizados nas últimas semanas para converterse en bolseiros da Deputación de Pontevedra.
Encargaranse do mantemento das instalacións comunitarias que se espallarán polos concellos da provincia dentro do Plan Compost Revitaliza, e participarán nas plantas comarcais de compostaxe que xurdan.
Está garantida a incorporación dos quince alumnos que acaden as mellores notas durante o curso, que finalizará a mediados de maio, se ben está previsto que os restantes se incorporen tamén ao proxecto paulatinamente cando se vaian instalando máis composteiros da Deputación pola provincia.
Os alumnos seguirán cinco módulos didácticos: Residuos e medio ambiente, Lexislación e normativa ambiental e de residuos, A compostaxe: ciencia e tecnoloxía, Compostaxe práctica: pequena e mediana escala e As recollidas selectivas como elementos clave.
Entre o profesorado haberá expertos tanto nacionais como internacionais na materia das tres universidades galegas, representantes de Adega e Amigos da Terra; representantes da Unión Europea, do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, da Generalitat de Catalunya e da Xunta de Galicia; así como técnicos navarros, vascos, austríacos, alemáns e cataláns que falarán da experiencia da compostaxe nos seus territorios.
Na parte práctica da formación, os alumnos traballarán os refugallos das cociñas e dos comedores de todos os centros de Príncipe Felipe que a día de hoxe se tratan en tres composteiros comunitarios. Tamén coñecerán de primeira man como se xestionan os 48 centros de compostaxe que están nos concellos da provincia
O curso comezou cun acto celebrado en Príncipe Felipe no que tanto a presidenta Carmela Silva como o vicepresidente César Mosquera instaron aos futuros bolseiros a aproveitar a formación e buscar oco nun "nicho de emprego" que está crecendo cada vez máis tanto nas administracións públicas como no ámbito privado .
Carmela Silva subliñou que co Plan Revitaliza o goberno provincial "tiña moi claro que tiñamos que ser arriscados e que tiñamos que dar un paso adiante" para converterse nunha referencia no tratamento sostible dos residuos. "É un traballo arduo, complexo, pero apaixoante", subliñou.
Pola súa banda, Mosquera deu a benvida aos aspirantes e asegurou que van iniciar "unha aventura que lles vai cambiar a vida". O nacionalista destacou que no ámbito da compostaxe hai un futuro laboral importante porque a día de hoxe aínda non hai especialistas suficientes.
O vicepresidente, así mesmo, animou aos futuros mestres composteiros a que "aproveitedes este traballo moi ben. Paga a pena. Non o tomedes como un curso rutinario. É unha aventura e a min gustaríame estar no voso lugar", finalizou.
Relacionadas:
-
Entre os funcionarios da Deputación xa hai mestres composteiros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Expertos internacionais xuntaranse na Facultade da Compostaxe da Deputación
Por Redacción |
-
Un total de 164 persoas aspiran a traballar como funcionarias no plan provincial de compostaxe
Por Redacción |
-
Os veciños reciben os primeiros froitos dos composteiros de Caldas
Por Redacción |
-
O BNG critica que Moraña rexeite os composteiros da Deputación e solicite os de Sogama
Por Oskar Viéitez |
-
Arranca un novo curso da "Facultade da Compostaxe"
Por Oskar Viéitez |
-
Se queres optar ás oposicións á Deputación, segue lendo
Por Redacción |
-
222 aspirantes a mestres composteiros
Por Oskar Viéitez |