A Xunta remite ao Concello de Cambados o convenio para dotar de equipamento ao centro de día
Por Redacción
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou que acaba de remitir ao Concello de Cambados o convenio para dotar de equipamento ao centro de día desta localidade, que pasará así a contar con 40 prazas para a atención a maiores da comarca do Salnés.
Tal e como explicou o xerente do ente autonómico, unha vez que ambas partes firmen dito convenio, licitarase a compra do mobiliario e do equipamento e procederase a súa instalación por parte da empresa que resulte adxudicataria. "Posteriormente remitiremos ao Concello o convenio para a súa xestión, segundo os termos acordados no marco da FEGAMP, xa que o noso obxectivo é que este centro entre en funcionamento este mesmo ano", explicou Rodríguez.
Malia que a administración autonómica rematara a construción do centro de día de Cambados en novembro de 2015, a súa posta en servizo –prevista para o ano pasado- non foi posible nese exercicio, según Perfecto Rodríguez "ao non asumir a Deputación de Pontevedra o compromiso que acadara co concello cambadés para dotar de equipamento o inmoble e retrasar, ademais, o concello seis meses o envío do acordo plenario da adhesión".
Debido a que a Xunta de Galicia non tivo coñecemento ata mediados do ano pasado de que a Deputación de Pontevedra non destinara partida algunha para tal fin, foi necesario agardar á aprobación dos orzamentos da comunidade autónoma de 2017 e chegar a un acordo co concello para que co-financiara co Consorcio o mobiliario e o equipamento.
O convenio para a dotación dese material, remitido agora ao Concello polo consorcio, contempla un investimento por parte do ente público de 70.000 euros e unha achega do consistorio de Cambados que suma 20.000 euros.
A construción do centro de día de Cambados, situado en San Tomé, foi financiada integramente polo goberno galego, que investiu 800.000 euros nunha infraestrutura social que conta con 427 metros cadrados.