Bará substituirá a Aymerich como deputado do BNG, sairá do goberno municipal?
Por Alejandro Espiño
Trala renuncia de Carlos Aymerich á súa acta de deputado autonómico do BNG, será un pontevedrés o que ocupe o seu lugar. Luís Bará, concelleiro de Obras no Concello de Pontevedra e que concorreu ás pasadas eleccións autonómicas como número 4 da candidatura nacionalista por Pontevedra, será o que substitúa ao actual viceportavoz do BNG cando este presente oficialmente a súa dimisión.
Segundo declarou o propio Carlos Aymerich, que foi cabeza de lista por Pontevedra nos comicios de outubro de 2012, a súa renuncia producirase trala Asemblea Nacional que o BNG celebrará este fin de semana. Asegura que marcha ao entender que a formación frentista "xa non é a casa común do nacionalismo", en alusión á deriva soberanista da organización e o novo rumbo que toma con Xavier Vence como portavoz nacional.
Este cambio na bancada nacionalista do Pazo do Hórreo podería provocar, paralelamente, cambios no equipo de goberno de Pontevedra. Aínda que Luís Bará rexeitou facer declaracións ata que a renuncia de Aymerich sexa oficial, todo apunta a que deberá abandonar o seu cargo como concelleiro, apenas dous anos despois de iniciarse o actual mandato municipal.
Fontes próximas ao goberno local aseguran que, polo momento, este asunto non foi tratado, xa que se manteñen á espera da evolución dos acontecementos.
En todo caso, existe unha directriz no seo do BNG pola cal una mesma persoa non pode acumular máis dun cargo institucional. Tan só concedeuse unha excepción que afectaba a unha das actuais concelleiras en Pontevedra, Carme da Silva, pero porque esa compatibilidade só ía ser por uns meses, ao solaparse o término da legislatura autonómica (e non optar a repetir no cargo) e o inicio do mandato municipal.
Luís Bará (Vilaboa, 1965) poñería fin así á súa segunda etapa como concelleiro en Pontevedra. Accedeu ao seu posto en 1999, ano no que comezou a desempeñar o cargo de responsable de cultura no goberno municipal. Mantívose no Concello ata 2005, cando, trala vitoria do bipartito, trasladouse a Santiago para desempeñar o cargo de director xeral de Difusión e Creación Cultural. Regresou a Pontevedra en 2009. Primeiro, como concelleiro non electo, e desde maio de 2011, de novo como edil da corporación.