Bará esfolla a margarida
Por Natalia Puga
Voume, non me vou. A nova situación que se plantexa no grupo do BNG do Parlamento de Galicia logo da renuncia de Carlos Aymerich deixa ao concelleiro pontevedrés Luis Bará ante un dilema ao que non atopa resposta. Concorreu ás pasadas eleccións autonómicas como número 4 da candidatura nacionalista por Pontevedra e sería o substituto natural ao actual viceportavoz cando este presente oficialmente a súa dimisión a vindeira semana, pero iso supón deixar o seu cargo no Concello a metade de mandato. Leva dous días pensándoo e aínda non o ten claro. "ÿ unha decisión que me está resultando difícil", sentencia.
Segundo explica, "é unha decisión que aínda estamos valorando" e que se complica porque ten que barallar "a opinión do grupo municipal do BNG, da organización e a miña mesma" e "a min, persoalmente, atráenme as dúas opcións", tanto quedarse como concelleiro como pasar a ser deputado no Parlamento de Galicia. As dúas alternativas resúltanlle "atractivas e interesantes".
Mentres el segue a desfollar a margarida, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén se debate entre os intereses do Concello e o que pode resultar mellor para o partido como para o propio Bará, pero parece resistirse a deixalo ir. "Bará está perfectamente integrado no organigrama municipal, ten responsabilidades importantes e a decisión aínda non está tomada", sinalaba o xoves, "temos que barallar o que é mellor para todos".
O propio protagonista recoñece que a postura do alcalde ten moita importancia para el, pois "ao final tocarame a min tomar a decisión, pero quero ter en conta a todo o mundo" e explica que dar a última palabra se complica polo momento do mandato municipal no que se lle plantexa esta situación, "moi diferente" a cando no outono de 2012 dixo que si a integrar a lista do BNG ás eleccións autonómicas do 20 de outubro.
"Estamos nun momento distinto do mandato, un momento clave para o final do mandato, con cuestións en marcha en Patrimonio ou Participación Cidadá que me atraen especialmente, a situación cambiou dende hai seis meses", explica. De momento, tampouco se da moita presa, a decisión está "aberta" e haberá que tomala "con ollo, buscando o mellor para todos".