Poio reclama a Educación a retirada "inmediata" do amianto no colexio de Viñas
Por Alejandro Espiño
A retirada do amianto nos centros educativos debe ser unha "prioridade" para a Consellería de Educación, segundo reiterou este venres o Concello de Poio. No caso do seu municipio, está presente no colexio de Viñas, polo que o goberno municipal demanda á administración autonómica a retirada "inmediata" deste material.
Así llo pediu a concelleira de Educación, Marga Caldas, ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, na reunión que mantiveron para analizar a situación dos cinco colexios e as dúas escolas unitarias do municipio.
Ademais, o Concello instou á Xunta a realizar obras nos accesos aos colexios e pediu que se cambien as xanelas e os falsos teitos dos centros para unha maior eficiencia enerxética.
Poio reclama tamén persoal de orientación familiar para colexios con problemas de inserción social ou que achegue unha solución ás problemáticas que existen actualmente en materia de solicitude de matrículas, sobre todo naqueles colexios que carecen de comedor.
Marga Caldas explicou que o incremento de matrícula nos centros dotados dos servizos de comedor e Plan Madruga pode limitar o acceso a nenos con necesidades especiais que non teñen garantida a súa praza en Primaria, algo que Educación debería resolver.
Fronte a esta situación, Caldas lembrou que o Concello está a asumir o mantemento dos centros, mesmo traballos que non son da súa competencia, reforzáronse diferentes programas educativos e incrementáronse as axudas para actividades.