Os cedros das Palmeiras abandonan a UVI
Por Redacción
Ningún dos tres cedros centenarios situados no parque das Palmeiras, ao carón da terraza da cafetería Blanco y Negro, terá que ser retirado polos danos que ocasionaron os temporais. Aínda que inicialmente os técnicos daban por perdido un deles, os traballos realizados desde entón permitiron recuperar a árbore.
Os operarios de Parques e Xardíns, sinalan desde o Concello, traballaron baixo o criterio de conservar os exemplares incluídos no catálogo de árbores senlleiras da Xunta, pero tamén para garantir a seguridade dos paseos e das zonas de xogo.
Así, nos últimos días estanse a retirar as partes danadas e se está a acometer podas selectivas e o arriostramento das ramas que quedaron en pé, facendo os que sexan necesarios.
O propósito é reequilibrar a copa das árbores, xa que ao perder parte da carga é preciso reasegurar todas as pólas para maior seguridade.
Os técnicos, coordinados coa oficina responsable da Xunta de Galicia, acordaron manter o cedro máis afectado polo temporal. É unha árbore que quedou moi danada xa que perdeu parte da estrutura da copa, polo que foi necesario reequilibrala arriostrando as partes existentes e eliminando as partes máis rotas.
Desde o Concello destacan a importancia da conservación destes exemplares, a pesar dos danos que sufriron, pola rareza da especie, pola súa idade, e pola súa singularidade paisaxística, que fai que todas elas estean no catálogo de árbores senlleiras de Galicia
Logo de traballar nas tres árbores máis afectadas, supervisarase o estado do resto do arboredo das Palmeiras.
Relacionadas:
-
O Concello deseña un plan para a posta en valor dos cedros do Himalaia dos Xardíns de Vincenti
Por Redacción |
-
A longa noite do paseo das Palmeiras
Por Manu Otero |
-
A exposición "As nosas senlleiras" chega a Moraña
Por Redacción |
-
Empezan os traballos post temporal nos tres cedros das Palmeiras
Por Redacción |
-
Pontevedra, segunda cidade galega máis afectada polo temporal
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada