Unha semana para falar sobre un tema "que non interesa ao que ten o poder"
Por Oskar Viéitez
A Aula Castelao de Filosofía presentou este venres o cartel e a programación completa da que será a edición número 34 da Semana Galega de Filosofía. No acto, ao que asistiron a presidenta Ana Regueira, o vicepresidente Óscar Rodríguez, a secretaria Mercedes Moreno e Diana Vilas, membro da Aula, ademais de desglosar o programa deuse a coñecer o motivo da escolla tanto do cartel coma do tema que centrará esta edición.
Respecto á temática, "Filosofía e Saúde", Ana Regueira explicou que a semana aborda "a saúde psicolóxica, saúde biolóica e saúde social".
Os responsables do Aula Castelao parten da idea de que a día de hoxe o verdadeiro poder consiste en lograr que non se fale do que non interesa ao que ten o poder. "Se están a silenciar problemas como a privatización da sanidade, a psiquiatrización dos problemas sociais, e que creemos que é importante falar deles e empezar a facelo en termos de necesidade de recuperación da saúde en xeral".
- As mañás "Pensar a saúde" de 10:30 a 13:30
O catedrático da Universidade Complutense de Madrid, José Luis Pardo, encargado de abrir o programa co seu relatorio "Que é a saúde?" Entre os restantes relatorios das mañás a Semana Galega de Filosodía contará coa presencia de Wolfgang Fritz Haug da Universidade libre de Berlín e Frigga Haug da Universidade de Hamburgo, socióloga e filósofa alemana que abordará o tema a partir da súa propia experiencia como paciente de cancro de mama. Dende a perspectiva dunha supervivinte, falará tamén da situación das mulleres, das súas alienacións de xénero e as desigualdades con relación ao home nestes casos.
- Tardes: "A saúde en Galicia" de 17 a 19:30 horas
Destinadas á analise da saúde en Galicia, tal e como comentou a súa coordinadora, Mercedes Moreno, abordarán un tema por día. Entre eles o copago ou o desmantelamento da Atención Prinaria, a discapacidade e a dependencia, "un tema de relevancia no país pola lonxevidade dos seus habitantes e o crecemento vexetativo de moitas zonas do territorio" ou "As catro causas do TDAH: Aristóteles na aula".
- Noites: "Controversias arredor da saúde" de 20 a 22 h.
Óscar Rodriguez adiantaba que "as noites da Semana de Filosofía teñen un carácter menos filosófico, un tanto máis divulgativo pero sen perder por suposto o rigor académico. Supoñen unha achega desde diferentes prismas ao presente e ao futuro da sociedade na que vivimos". Así, a achega á industria farmaceútica, "un dos enfoques que máis nos interesaba poñer sobre a mesa" terá lugar o martes da man de Germán Velásquez. O xornalista Luis Alfonso Gámez centra o seu relatorio na medicina alternativa e como crer nela non é inocuo na nosa sociedade.