Colectivos de toda Galicia reivindican recuperar a filosofía no ensino medio
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Colectivos de filosofía de distintos puntos de Galicia uníronse para facer un traballo conxunto e traballar "a prol de tentar recuperar" as horas de filosofía que se perderon nos últimos anos no sistema educativo español no ensino medio e reivindicar que a filosofía pode non ter unha utilidade pragmática, pero si é útil.
Entre todos elaboraron un manifesto que se presenta este luns no marco da XXXIV Semana Galega de Filosofía, que se celebra no Teatro Principal de Pontevedra ata o 21 de abril.
A presidenta da Aula Castelao de Filosofía e coordinadora da Semana, Ana Regueira, reivindicou na sociedade na que vivimos "faise máis indispensable que nunca" conservar materias como a filosofía, que reivindiquen a idea do espírito crítico e que "hai múltiples formas de entender a realidade e non só unha". O manifesto está subscrito por colectivos como Doxa de Lugo, o grupo de filosofía de Vigo, a Aula de Filosofía de Ferrolterra e a Aula Castelao de Filosofía de Pontevedra.
A Semana Galega de Filosofía 2017 xira ao redor da temática de 'Filosofía e Saúde' e inaugurouna este luns o profesor da Universidade Complutense de Madrid José Luis Pardo coa charla 'Que é a saúde'. Partindo da base de que "habría que estar muy sano para poder responder qué es la salud", centrouse na análise da saúde a nivel físico e mental, pero tamén da saúde social e falou do malestar característico do noso tempo que, na súa opinión, "es lo que más perturba la salud pública".
En declaracións aos medios antes da inauguración, valorou que a sociedade actual vive no estado do malestar, que é "producto del desprestigio del estado del bienestar". Aínda que moita xente o asocia coa crise económica, el considera que, en realidade, "viene de mucho antes" e fomenta unhas dinámicas de enfrontamento social que "son muy perjudiciales".
Na súa opinión, o principal responsable dese malestar é a destrución, o desprestixio e o desmonte do estado do benestar ao que contribuíron "muy fortemente" a política, pero tamén o imperio da economía, co mundo dos negocios penetrando en todas as actividades humanas. Ademais, tamén considera que existe unha cota de responsabilidade cidadá "porque a los políticos los elegimos los ciudadanos".
Falando en clave de futuro, non se considera nin demasiado optimista nin absolutamente pesimista, pero si cre que fai falta un exercicio de responsabilidade por parte dos políticos e da cidadanía en xeral "para que se puede repartir la riqueza y también la pobreza cuando la hay".
A coordinadora da Semana manifestouse satisfeita porque a matrícula aumentou con respecto a anos anteriores e considera que a temática deste 2017 pode xerar polémicas e debate interesantes, pois a sociedade actual "cada vez é máis insalubre" e desenvólvense cada vez máis tipos de patoloxías e enfermidades.
Relacionadas:
-
Sánchez Gordillo, o polémico alcalde de Marinaleda, clausurará a Semana Galega de Filosofía
Por Alejandra Iannone |
-
A Semana Galega de Filosofía reflexionará en Pontevedra sobre "o común"
Por Gabriela Varela Asorey & Oskar Viéitez |
-
Unha semana para falar sobre un tema "que non interesa ao que ten o poder"
Por Oskar Viéitez |
-
A saúde social será o tema central da XXXIV Semana Galega de Filosofía
Por Sofía Fernández Fuentes |