15 nenos irán de campamento de Semana Santa ao Local de Música
Por Anxo Lourido
Esta Semana Santa, os nenos pontevedreses contarán cun novo espazo para ir de campamento urbano. Baixo o título do circo das bolboretas, esta iniciativa pretende dar a coñecer o Local de Música, situado nas proximidades da estación de trens, aos nenos e ás súas familias, mediante unha proposta de creación artística na que poderán divertirse aprendendo conceptos teatrais, cinematográficos, musicais ou de creación plástica.
A responsable da actividade é Bea Mazaira, unha artista saída da Facultade de Belas Artes que realiza actividades prácticas no Local de Música e que quixo crear este campamento gratuíto para os días 25, 26 e 27 de marzo, xornadas de vacacións durante a Semana Santa. Desta forma, tamén se quere relacionar os nenos de entre 6 e 8 anos coas iniciativas que se desenvolven neste espazo. Coas actividades que se realicen, o día 27 farase unha representación para as familias.
Os nenos que queiran participar nesta proposta deberán apuntarse antes do 20 de marzo nas oficinas de Xuventude na Casa Azul. Só hai 15 prazas e serán admitidos por orde de inscrición.