A Lama reproba a Fenosa e reclama indemnizacións para os veciños que sufriron cortes de luz
Por Redacción
O pleno do Concello da Lama aprobou por unanimidade unha censura pública a Gas Natural Fenosa polo comportamento mantido con motivo do apagamento producido con motivo dos últimos temporais. A corporación reclama tamén unha compensación económica para os veciños que tiveron que pasar máis de 80 horas sen subministración eléctrica.
O alcalde Jorge Canda mostrou unha carta que enviara ao conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, na que instaba á Xunta de Galicia a realizar as inspeccións necesarias para determinar as responsabilidades da empresa eléctrica ante os problemas de subministración.
Na moción presentada polo PSdeG-PSOE reclamábase esa xestión ante a Consellería. O Partido Popular presentou unha emenda e retirouse este punto ao ensinar o alcalde a carta enviada a Conde, do mesmo xeito que se retirou outro no que se pedía un convenio cunha empresa do sector para alugar un xerador neste tipo de situacións de emerxencia. Considerouse que sería unha medida pouco efectiva e retirouse. Todos os membros da corporación aprobaron a moción.
Durante este mes víronse afectados por cortes na subministración eléctrica na Lama, localidades como Pigarzos, a máis afectada, e Seixido e Xesta.