Piden á Deputación que arranxe a estrada A Escuadra-Caroi
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e o seu homólogo de Cerdedo- Cotobade, Jorge Cubela, inspeccionaron persoalmente a estrada de titularidade provincial que comunica os lugares da Escuadra e Caroi e que está pendente dunha actuación desde hai anos. Ambos os rexedores acordaron estreitar a súa colaboración institucional e solicitar unha entrevista conxunta co deputado de Mobilidade, Uxío Benítez coa intención de reclamar a ampliacion deste viario así como a mellora do seu trazado co fin de garantir unha maior seguridade viaria na zona.
Canda e Cubela enviarán estes días unha carta solicitando a entrevista ao deputado delegado de Mobilidade coa intención de recuperar o vello proxecto que redactara a Deputación Provincial, titular desta vía, e que contribuiría a mellorar substancialmente a comunicación interior na provincia de Pontevedra, sobre todo no eixo composto polos concellos de Pontevedra-Ponte Caldelas-A Lama-Cerdedo-Cotobade.
Os rexedores insistiron tamén na necesidade de actuar en materia de seguridade viaria na zona debido a que a estrada A Escuadra-Caroi está balizada de pequenos núcleos de poboación, moi relacionados entre eles, e que é o único medio de comunicación rodado entre eles o que fai que sexa moi transitado tanto por vehículos como de forma peonil o cal precisaría, a xuízo dos alcaldes, de implementar medidas adicionais de protección para viandantes, humanización de núcleos rurais, etc.
Finalmente, ambos os rexedores manifestaron o seu desexo de establecer un protocolo de colaboración entre as súas concellos e a Deputación co fin de axilizar no posible un problema que está a ocasionar graves prexuízos aos veciños da zona agravados, máis se cabe, pola acción das últimas choivas e o temporal que provocaron maiores desfeitas nalgúns tramos como o que aparece na fotografía (Barbeira de Arriba, A Lama) onde a acción das augas pluviais poñen en serio risco o mantemento da propia vía.
Ademais, esta estrada xa foi obxecto de varios incidentes protagonizados por vehículos de gran tamaño e tonelaxe que, aínda que hai un sinal que limita o seu paso, os condutores erroneamente emprenden o traxecto e quedan atrapados sen remedio no seu sinuoso traxecto.