Populares e socialistas, á gresca polos danos dos temporais
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular e o Socialista protagonizaron este martes senllas roldas de prensa nas que responsabilizaron á Deputación de Pontevedra, os populares, e á Xunta, os socialistas, pola actuación durante os temporais de choiva e vento.
O primeiro en comparecer foi o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra, Santos Héctor que, acompañado de alcaldes e concelleiros socialistas de toda a provincia denunciou a "inactividade" da Xunta de Galicia e esixiu "que se poña a traballar de maneira inmediata" para reparar os danos causados polos temporais.
Santos Héctor anunciou a presentación de mocións en todos os concellos da provincia, forzando, se é necesario, a celebración de plenos extraordinarios naqueles concellos onde o PSdeG sexa oposición.
Nestas iniciativas pretenden que os concellos insten á Xunta "que é a que ten as competencias nesta materia" a que coordine un protocolo de resposta que estableza os mecanismos de atención e reclamación ante calquera situación de emerxencia.
Ademais queren instar á Xunta a que habilite os fondos suficientes para dar resposta aos danos causados polos temporais nos espazos e servizos públicos "e que estes sexan repartidos con criterios obxectivos", apuntou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.
Tamén piden que a Consellería de Industria poña en marcha un estudo de necesidades para mellorar as infraestruturas eléctricas, e que mellore "xunto ás compañías subministradoras" as liñas eléctricas. Paralelamente queren que o Instituto Galego de Consumo abra un expediente ás compañías subministradoras para que os usuarios poidan reclamar.
Os socialistas insistiron tamén en denunciar que as canles dos ríos están sen limpar o que agrava os danos producidos coa crecida do caudal. Santos Héctor concluíu que "Feijóo e Rueda son culpables desta situación".
PP PIDE AXUDAS PARA RETIRAR A URALITA
Os portavoces do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, criticaron que a Deputación de Pontevedra estivo "durmida" ante os temporais de vento e choiva, sinalando o "abandono total que sufriron os concellos por parte desta institución provincial".
Nidia Arévalo reprochou que o Parque de Maquinaria estivese "pechado" desde o pasado venres, apuntando que unicamente traballaron as dúas brigadas de garda, fronte ás oito das que dispón o parque.
"A responsabilidade, por suposto que a ten a Xunta de Galicia pero estamos hoxe aquí porque tamén a Deputación provincial tena", dixo Nidia Arévalo "o di a lei", engadiu.
O Partido Popular propón que o goberno provincial habilite unha liña extraordinaria que achegue fondos aos concellos para colaborar cos concellos en problemas como a retirada das uralitas, un material que require un tratamento específico pola súa toxicidade.
"Entendemos que todas as administracións téñense que implicar e colaborar", afirmou Ángel Moldes.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade solicitará á Deputación axudas polos danos dos temporais
Por Oskar Viéitez |
-
'Pim, pam, pum' no Pazo Provincial a conta dos temporais e a presunta libre disposición
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación contesta á Xunta polos temporais: "isto é o mundo ó revés"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta pide á Deputación que habilite axudas por emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación asegura que durante o temporal traballaron sete das nove brigadas provinciais
Por Redacción |